"Preocupación máxima" polo atraso do Goberno en liberar os fondos europeos
Por Alejandro Espiño
Dúas actuacións "prioritarias" que o goberno municipal incluíu na estratexia DUSI están a piques de sufrir un atraso na súa execución.
Trátase da reconversión da primeira planta do mercado nun espazo gastronómico e da rehabilitación integral do pavillón multiusos da Xunqueira. E todo porque o Goberno central aínda non liberou os fondos europeos.
"Insistimos case todos os días", explicou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, que asegura que desde o Ministerio de Facenda asegúranlles que este trámite será "inminente", pero polo que os concellos que se beneficiarán destas axudas da Unión Europa levan esperando durante meses.
Este atraso, segundo González, "pode dar ao traste" coa execución das obras neste ano 2018, algo que preocupa especialmente no caso do pavillón, xa que os traballos estaban programados para afectar o menos posible á actividade deportiva das instalacións.
Se no prazo de quince días, o Goberno non autoriza estas operacións "teremos que atrasar as obras", xa que en ambos os casos a mesa de contratación reunirase este martes 22 de maio para propoñer ás empresas que executarán as obras.
Ademais, os proxectos de reforma da ponte do Burgo e da rúa Gorgullón "estarán pronto para adxudicar", polo que a decisión do executivo de Mariano Rajoy podería chegar a afectar tamén a estas dúas actuacións.
Un total de catorce empresas presentaron oferta para executar as obras necesarias para reformar a primeira planta do mercado, que custarán 279.000 euros. Os traballos durarán dous meses e acordarase coas praceiras o calendario de obras para minimizar as molestias.
Pola súa banda, a rehabilitación integral do pavillón multiusos está orzada en 2.143.038 euros e está centrada na adecuación interior e mellora da eficiencia enerxética das instalacións, pero excepto a estrutura do edificio cambiarase todo o pavillón. Estes traballos teñen un prazo de execución de cinco meses.
Relacionadas:
-
A reforma do Multiusos comezará "canto antes" e concluirá a finais de ano
Por Alejandro Espiño |
-
Desbloqueadas as obras do Gorgullón, Multiusos, Ponte do Burgo e o Mercado de Abastos
Por Diego Espiño |
-
Dez empresas, interesadas en peonalizar e iluminar a ponte do Burgo
Por Alejandro Espiño |
-
O espazo gastronómico do mercado estará vinculado co mar
Por Alejandro Espiño |
-
Catorce empresas optan a executar a reforma integral da rúa Gorgullón
Por Redacción |