Piden dous equipos máis con persoal fixo na Unidade de Discapacidade para atender máis de mil casos anuais
O persoal do centro de valoración de Discapacidade da Xunta en Pontevedra e representantes sindicais concéntranse todos os martes ás portas do edificio da antiga Delegación de Sanidade na avenida de Vigo para reivindicar máis persoal que poida resolver os actuais problemas aos que se enfronta este servizo.
Denuncian que as persoas que se atopan á espera dunha valoración do seu grao de discapacidade levan un atraso de 3 anos nas avaliacións e os dous equipos operativos formados por un profesional médico, psicólogo e traballador social que realizan este traballo para a área norte de Pontevedra vese desbordado. Atenden máis de mil casos anuais.
A Xunta anuncioulles a instalación de seis novos equipos para facer fronte ás listas de espera pero con persoal temporal por un período de nove meses. Estes equipos traballarían nun local na rúa Cruz Vermella. A solución non convence a Areceli Blanco, unha das doutoras dos equipos que traballan para Política Social nestas valoracións. Afirma que este persoal necesitará polo menos un mes de rodaxe e supervisión dos profesionais dos outros dous equipos, unidades que levan 25 anos traballando co mesmo número de empregados e con cada vez máis demanda.
Os representantes sindicais, a través de Fernando García da CIG, entenden que é preciso un incremento de persoal estable que ofreza solucións de maneira continuada e que tamén se cubran as vacantes por xubilación.
O Sergas está a executar un convenio no que se decidía que as valoracións se acometan a través de informes e non de maneira presencial, unha medida coa que os profesionais se mostran en desacordo.
Os grupos parlamentarios de En Marea, PSOE e BNG presentaron no Parlamento de Galicia emendas sobre este tema que aínda non recibiron resposta por parte do goberno da Xunta. Mentres non haxa unha resposta satisfactoria, os representantes sindicais indican que manterán o seu calendario de protestas porque estas malas condicións de traballo están a afectar a miles de persoas, que están pendentes de valoracións sobre a súa discapacidade. Os traballadores reclaman dous equipos máis de traballo con persoal fixo, que mellore a eficacia do servizo.