ADIF propón privatizar as maniobras ferroviarias que fai en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
ADIF informou o comité de empresa de Pontevedra da súa intención de privatizar as manobras de Pontevedra que ata agora fan tres operarios.
Concretamente na estación de Pontevedra, ADIF fai as manobras de 22 trens semanais de mercadorías de RENFE-Mercadorías e COMSA que transportan material siderúrxico, cereais e cemento principalmente co porto de Marín.
ADIF xustifica que non ten suficiente persoal no complexo de servizos loxísticos de Vigo-Guixar propoñendo o comité trasladar os tres traballadores de Pontevedra a Guixar e externalizar que empresa LOGIRAIL as manobras que se fan na estación.
Desde o sindicato CXT denuncian que é unha manobra empresarial para seguir privatizando os traballos de manobras de material ferroviario na provincia de Pontevedra, onde xa foron externalizados en Tui, Vilagarcía e Portas a favor de LOGIRAIL que é unha empresa satélite creada en 2009 con capital 100% da propia RENFE-Mercadorías S.A. e que naceu para prestar solucións loxísticas integradas no transporte de mercadorías por tren, "sendo unhas das empresas externas polas que o Grupo RENFE aposta para cubrir a falta de persoal nos servizos ferroviarios públicos e privatizalos", din os sindicatos.
O comité de empresa rexeita esta proposta, xa que como se desprende da información achegada nas reunións, o complexo de manobras de Pontevedra é rendible, "polo que o motivo da privatización non é económico, se non puramente de falta de persoal" para cubrir o aumento de traballo en Vigo- Guixar con dous novos trens e as xubilacións de dous axentes previstas nesta terminal de servizos loxísticos ferroviarios para este ano.
CXT vai propoñer o resto dos sindicatos que compoñen o comité de empresa (CCOO, SF, SCF, CIG e UXT) mobilizacións conxuntas contra esta proposta.