Pontevedra limitará a 5 km/h a velocidade das bicicletas e skates por zonas peonís
Por Redacción
O Concello de Pontevedra está a tramitar unha nova ordenanza de mobilidade desde marzo. O enxeñeiro Fernando Nebot, que xa elaborou a Guía de espazos públicos da Deputación, é o encargado do deseño do modelo para a regulación de determinadas situacións que actualmente non son atendidas. Pontevedra aínda ten en vigor unha ordenanza que se remonta a 1989 e que para o concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, César Mosquera, se atopa "superada".
Mosquera recoñeceu que a flexibilidade desa ordenanza permitía ir desenvolvendo o actual modelo de cidade. A redacción da nova ordenanza responde tamén á petición deste documento por parte do Partido Popular no último pleno, segundo indicou o concelleiro.
A idea central do novo modelo será que todos os vehículos circulen pola calzada como norma xeral e cando pasen por espazos peonís terán un límite de velocidade de 5 km/ h., é dicir, igualarase á dos peóns. O obxectivo é evitar situacións conflitivas entre peóns e ciclistas, usuarios de skate ou doutros vehículos similares. Con esta ordenanza, a Policía Local contará cunha ferramenta para actuar en caso de que se rexistren incidencias.
Mosquera afirmou que o goberno propón para a nova ordenanza non tocar aqueles temas que xa se atopen regulados na lexislación vixente, como sería o caso do código de circulación e si se abordarán aspectos novos como os " lombos", reductores de velocidade. Neste sentido, o concelleiro sinalou que se seguirá a liña marcada desde a Deputación, que é máis "suave" que a do Ministerio de Fomento. "En Pontevedra nunca se puxo un lombo tan duro como vos que quería Fomento", indicou César Mosquera.
O goberno local ten previsto comezar un proceso de consulta entre os veciños a través da sede electrónica do Concello e da páxina web. O borrador enviarase tamén a federacións veciñais e á Dirección Xeral de Tráfico. Trasladarase á Comisión de Mobilidade nos próximos días para que os grupos municipais teñan coñecemento desta iniciativa.
Relacionadas:
-
Pontevedra rende culto ao skate
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Concello pide colaboración cidadá para deseñar a nova ordenanza de mobilidade
Por Alejandro Espiño |
-
Pedaladas relaxa as súas protestas contra a "ordenanza do despacito"
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello pide "tranquilidade" ante unha ordenanza de mobilidade que está "en fase de borrador"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Pedaladas contesta a Mosquera: "a medida de reducir a 5 km/h a velocidade das bicicletas mataría o seu uso na cidade"
Por Redacción |
-
Os ciclistas 'toman o mando' da cidade cunha nova pedadala popular
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Aumentan case un 50% as denuncias a ciclistas por infraccións
Por Redacción |