Cal é a incidencia das violencias machistas sobre a infancia?
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da deputada delegada de Igualdade, Isaura Abelairas, inaugurou este sábado a Cal é a incidencia das violencias machistas sobre a infancia? organizada pola institución provincial, Concello de Pontevedra e Universidade de Vigo.
A xornada, enmarcada na programación da Escola de Igualdade María Vinyals e que ofrece a visión de expertas sobre as repercusións das violencias machistas na infancia e adolescencia, congrega durante todo o día, a máis de 150 persoas relacionadas co ámbito educativo, a sanidade, a xustiza e traballadoras dos Centros de Información á Muller.
Carmela Silva puxo en valor na súa intervención a necesidade de retomar os estudos estatísticos para coñecer a realidade da situación. Dende o ano 2008 non se están a recompilar datos estatísticos que permitan analizar o que está a acontecer coas violencias machistas, non se está a estudar o que está a acontecer coa violencia que padecen as nenas e os nenos de mans dos seus pais ou parellas das súas nais. "E se non hai datos, estatísticas, non somos conscientes da realidade". Por estes motivos, Silva esixiu ao goberno de España e á Xunta de Galicia retomar os estudos e as estatísticas.
A presidenta da Deputación de Pontevedra aproveitou a ocasión para amosar a súa postura ao respecto da custodia compartida. "Estou totalmente en contra, as crianzas non poden ter ningún tipo de relación cos maltratadores, debemos salvagardalas e garantir o seu dereito a ser felices".
A xornada vai dar a coñecer os resultados dun traballo de investigación, incluído no proxecto REDES da Universidade de Vigo, relativo a diferentes aspectos da violencia machista exercida sobre a infancia e a mocidade. Tamén ofrece a visión de diversas expertas nos ámbitos da psicoloxía, educación, saúde, xustiza e do mundo asociativo sobre esta problemática, así como proporciona elementos de debate e ferramentas para a prevención e intervención.
Neste eido, conta coa participación de Ángeles Parrillo, Azucena Arias, Daisy Alcalde, Iria Vázquez, Sonia Vaccaro, Marivía Fernández, Lola Ferreiro, Paz Filgueira e Estrela Gómez baixo a coordinación de María Álvarez Lires.
Relacionadas:
-
Expertas alertan que o 23% das nenas e o 15% dos nenos son vítimas de violencia sexual
Por Redacción |
-
As historias de "Invisibles" darán o salto ao teatro
Por Alejandro Espiño |
-
Esixen un financiamento estable e suficiente para atender as vítimas da violencia machista
Por Redacción |
-
Danza en Barro contra as violencias machistas
Por Redacción |
-
Mobilización histórica das mulleres pontevedresas
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño | Creada e actualizada