50 anos casados e... tan felices!
Por Diego Torrado & Redacción
A Casa Rosada de Poio converteuse no lugar de encontro para parellas que no ano 1968 contraeron matrimonio no municipio de Poio. Aquel ano celebráronse 103 matrimonios, dos que 35 fixeron vida no Concello.
De todas elas nove daquelas parellas apuntáronse á festa homenaxe que o Concello de Poio, a través da concellería de Benestar Social, organizou para este domingo coa idea de reafirmar a ilusión de hai 50 anos.
Familiares e amigos déronse cita no salón de actos e o alcalde Luciano Sobral e a concelleira Rosa Fernández entregaron unha placa, diploma e un detalle floral a cada matrimonio. Na sala uníronse diferentes xeracións, desde os felices avós aos fillos, netos e ata bisnetos.
Durante o evento, leuse unha descrición sobre as súas vidas con múltiples anécdotas sobre as súas etapas de noivos, os seus inicios laborais, os recordos da celebración da voda e outros aspectos que, durante os últimos días, foron recollidos para este acto.