Marea pide ao Concello que "leve o volante" da comarca na implantación do transporte metropolitano
Por Diego Espiño
Representantes das mareas de Pontevedra, Poio e Marín defenderon este martes en rolda de prensa a necesidade de implantar un transporte público urbano e na área metropolitana, algo que "é imposible" se non se involucra Pontevedra.
Así o explicaron o concelleiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, a concelleira non adscrita de Poio Silvia Díaz e o concelleiro de Marín Aarón Franco, queixándose do que entenden como "manobra de distracción" do Concello ao solicitar a creación dunha comisión técnica para decidir como implantar o transporte público urbano e metropolitano na cidade.
"Non houbo interese ata o de agora, nin desde o Concello se dirixiron á Xunta nin dende a Xunta do PP ao Concello", queixouse Luís Rei.
Por ese motivo esixen a Pontevedra que "lidere" aos municipios da ría e "leve o volante" na implantación dun bo servizo de transporte público, sentando cos gobernos locais da zona antes de negociar coa administración autonómica.
Ademais de defender a adhesión ao Plan de Transporte Metropolitano, Marea reiterou que "o primeiro que hai que facer é impulsar unha liña circular en Pontevedra", sinalou Luís Rei.
Relacionadas:
-
Marea propón a creación dun consorcio que regule o deporte da cidade
Por Redacción |
-
O PP esixe a adhesión de Pontevedra ao Plan de Transporte Metropolitano da Xunta
Por Paula Sanmartín & Oskar Viéitez |
-
Feijóo asegura estar convencido de que haberá transporte metropolitano en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Xunta convoca o alcalde de Pontevedra a unha xuntanza para abordar o transporte metropolitano na comarca
Por Oskar Viéitez |