Suspenden o macroxuízo por unha trama de estafas a aseguradoras ao estar dous acusados en México
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra tivo que suspender este martes, por segunda vez, un macroxuízo contra vinte persoas acusadas de participar nunha presunta estafa continuada a aseguradoras a través de partes fraudulentos de accidentes de tráfico en distintos puntos de Pontevedra e a súa área de influencia.
Neste caso, a suspensión -a anterior foi no mes de setembro de 2017- débese á ausencia de dous acusados, que non se presentaron este martes na Sección Segunda da Audiencia porque residen en México e o persoal xudicial non logrou notificarlles a data de celebración do xuízo.
Ao comprobar a incomparecencia, o tribunal decidiu aprazar ao celebración da vista e pedirase ao avogado deses acusados que facilite a forma de contactar con eles para notificarlles a nova data, que aínda está pendente de fixar. Ademais, tentarase realizar unha comisión rogatoria ás autoridades mexicanas.
Aproveitando a suspensión obrigada, as partes implicadas nesta causa sentaron, unha vez máis, a negociar un posible acordo de conformidade. O fiscal do caso, Jesús Calles, tentou pactar cos 18 acusados presentes e fontes consultadas por este xornal confirmaron que con máis da metade xa chegou a un acordo.
Eses acordos empezarán a asinarse este xoves na Fiscalía e supoñerán que os acusados terán que cumprir penas de prisión inferiores ás que o fiscal pedía inicialmente e comprométense a pagar as cantidades defraudadas e reclamadas polas compañías aseguradoras. Os acordos varían en función dos acusados, pero a maioría roldan o 50% da cantidade inicialmente reclamada.
O fiscal pedía penas que sumaban 45 anos e indemnizacións para todos eles, pero con estes acordos veranse reducidas sensiblemente. De todos os xeitos, non evitarán a celebración do xuízo, pois algúns dos acusados néganse por completo a recoñecer os feitos dos que lles acusa o fiscal.
Algúns deses acordos de conformidade atáscanse no relativo á responsabilidade civil, sendo especialmente complicadas as negociacións no que afecta as reclamacións das compañías aseguradoras sobre o importe que deberán pagarlle por estafalas.
As estafas que se xulgarán son variadas. Nalgúns casos, as compañías aseguradoras chegaron a pagarlle diñeiro aos acusados por presuntos accidentes que finalmente se demostrou que non se produciron. Noutros, non chegou a pagar ao dubidar xa das circunstancias da incidencia no momento no que se denunciou.
Todas se remontan a un mínimo de dez anos atrás, pois a operación da Policía Local de Pontevedra que destapou a trama é do ano 2008. Varios dos casos están relacionados con vehículos que o Consorcio de Compensación de Seguros abonou como sinistro total tras as inundacións ocorridas na comarca do Salnés de novembro do ano 2006 e que, posteriormente, os donos traspasaron a outra persoa. Volveron contratar unha póliza de seguros e supostamente sufriron un accidente polo que volveron reclamar diñeiro.
Relacionadas:
-
Vinte persoas chegan a xuízo 15 anos despois dos feitos a xulgar e catro máis tarde da primeira citación
Por Natalia Puga |
-
Xulgan a cinco persoas por causar accidentes para estafar a aseguradoras
Por Redacción |
-
Aprazan cinco meses un xuízo contra vinte acusados de estafa a compañías de seguros
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Xulgan por estafa 20 persoas que falseaban partes de accidentes de tráfico
Por Oskar Viéitez |