"Castor no se dedica a la compraventa de vehículos, se dedica única y exclusivamente al tráfico de drogas"
Por Natalia Puga & Paula Sanmartín
O matrimonio formado polos veciños de Mos Castor Manuel G.G. e María del Carmen C.D. tiña un nivel de vida que non se correspondía cos ingresos que declaraban legalmente e facían continuas viaxes por todo o territorio español e desprazamentos a Turquía, "unha das grandes potencias no tráfico de heroína. El, ademais, adoptaba fortes medidas de seguridade mesmo na súa vida diaria, utilizaba para comunicarse móbiles portugueses e relacionábase habitualmente con persoas vinculadas co tráfico de drogas en España e Portugal.
Baseándose en todos eses indicios e no resultado de toda unha serie de vixilancias, seguimentos e escoitas telefónicas, os policías da Unidade de Drogas e Crime Organizado (UDYCO) concluíron que Castor Manuel dedicábase ao tráfico de drogas e que eran certas as informacións que recibiron de que se dedicaba ao tráfico de heroína en grandes cantidades en contacto con cidadáns de Europa do leste.
Así o asegurou este mércores o axente da UDYCO que actuou como secretario das dilixencias de investigación que concluíron no ano 2016 co comiso dun Porsche Cayenne cargado con 54 quilos de heroína valorada en 2,5 millóns de euros e que desde este martes está a xulgarse na Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra.
Durante a súa declaración este martes no xuízo Castor Manuel insistiu en que se dedicaba á compravenda de coches, pero este policía asegurou este mércores na segunda sesión do xuízo que "Castor no se dedica a la compraventa de vehículos, se dedica única y exclusivamente al tráfico de drogas".
O fiscal antidroga de Pontevedra considera que é o máximo responsable na provincia dunha organización que se dedicaba á introdución de droga en Galicia procedente do leste Europa e este mércores o responsable da investigación confirmouno na sala e acompañou as súas afirmacións con detalles dos seus seguimentos aos acusados tanto en Galicia como en Barcelona, que lles permitiron acreditar encontros sospeitosos entre eles.
A segunda sesión do xuízo comezou coa declaración de dous dos seis acusados aos que non deu tempo a declarar durante o primeiro día da vista oral. Ambos, José R. R. e Marcos Antonio G. B., considerados "el último eslabón" do grupo de narcotraficantes, tan só responderon as preguntas dos seus avogados defensores e negaron os feitos que lles atribúe o fiscal.
Marcos recoñeceu que coñeceu a Castor Manuel e María del Carmen, pero aos acusados albaneses Sokol R. e Rinush G. A relación viña porque lle comprou ao primeiro un vehículoo Seat León e, como o coche deu moitos problemas, seguión mantendo contactos con el.
Os seguimentos policiais lograron interceptar conversacións nas que falaban de "os turcos", ao que Marcos explicou que se refería a uns veciños de Noia aos que compraban vieiras nunha operación en B que realizaba para complementar a xubilación que recibía da súa etapa como axente da Garda Civil -18 anos-.
José R. R., con antecentes penais por feitos relacionados, tamén recoñeceu coñecer a Castor e a súa esposa, pero nega calquera relación co tráfico de drogas, pois, desde que saíu de prisión, "me di de alta en la actividad de compraventa de coches y me dedico a eso". Asume "encontros casuales" con el, pero non concertar citas.
Rinush G. enfróntase á pena máis elevada, 18 anos de prisión por narcotráfico e falsidade. Para Castor Manuel o fiscal pide 17 anos e para a súa muller, 15 anos para a súa muller. Tamén reclama unha condena de 11 anos para o albanés Sokol R. e os galegos José R. R. e Marcos Antonio G.B.
Relacionadas:
-
A Audiencia de Pontevedra condena un matrimonio por tráfico de heroína e branqueo de capitais
Por Oskar Viéitez |
-
Unha rede xulgada por tráfico de heroína nega toda relación coa droga e escúdase tras a compravenda de coches
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Xulgan unha organización á que incautaron 53 quilos de heroína e para a que piden 78 anos de cárcere
Por Oskar Viéitez |