O Concello avanza na tramitación do plan especial para a construción da residencia de Carballedo
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade informou este mércores que o Plan Especial de Dotacións para a construción dunha residencia da terceira idade en Carballedo está a avanzar a bo ritmo xusto cando acaban de pecharse os dous meses de período de información pública para este proxecto habilitado pola Consellería de Medio Ambiente.
Agora, determinarase a existencia de suxestións a este plan especial e ao documento ambiental estratéxico, que tamén foi exposto nesta primavera, para tentar culminar esta tramitación administrativa nas vindeiras semanas.
O presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, explicou que este proxecto impulsado polo Concello vai continuar, cando se obteña o visto bo da Xunta, coa fase de exposición pública do estudo de viabilidade -realizado por un técnico externo que informou favorablemente- e, xa máis adiante, coa redacción do proxecto, a consecución dos terreos e o deseño dos viais e outros servizos.
"Desde o Concello o temos todo programado e calendado e, malia que se trata dunha tramitación farragosa, asumímola con gusto por todos os beneficios que vai ter este proxecto para a terceira idade, a creación de emprego, a mellora de servizos e o dinamismo da capital municipal", significou, antes de indicar que nos vindeiros meses tamén se determinará a fórmula elixida para a realización das obras e a xestión do recinto.
"Hai moitas opcións no marco da lexislación, pero escolleremos a máis axeitada coa tranquilidade de saber que hai moito interese no sector xeriátrico por este proxecto", detallou.
En canto ao estudo realizado, contempla un investimento duns 3 millóns de euros para construción dun edificio de 3.304 metros cadrados que se situaría nunha parcela de máis de 8.000 metros situada fronte ao centro de saúde de Carballedo. Este xeriátrico, cuxo inicio de obra se prevé para o vindeiro ano 2019, contaría inicialmente con 59 prazas e xeneraría unha vintena de postos de traballo.
"Para nós este proxecto é unha prioridade por todo o que supón a nivel económico, laboral e social, pero principalmente porque suporía unha infraestrutura de primeiro nivel que reforzaría a nosa aposta polos servizos sociais dando a mellor atención á terceira idade e aos nosos maiores e dependentes", debullou Cubela.
O presidente municipal cre que a inminente construción da nova residencia de Cerdedo por parte da Xunta e o proxecto municipal do centro de Carballedo "convertirannos nunha referencia e outorgaranos o liderado nos servizos de atención e coidado á xente maior".
Relacionadas:
-
Paso adiante para a construción da Residencia da Terceira Idade en Carballedo
Por Redacción |
-
Reservan 110.000 euros para comprar os terreos e deseñar a residencia de Carballedo
Por Redacción |
-
A residencia de maiores de Carballedo, pendente dun ditame de Urbanismo da Xunta
Por Redacción |
-
Comezan as obras de construción da nova residencia de Cerdedo
Por Redacción |
-
As obras de ampliación da residencia de Cerdedo comezarán en setembro
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade eleva o seu orzamento ata os 5,11 millóns de euros para 2018
Por Redacción |