55 proxectos solicitan optar aos fondos europeos Leader Pontevedra-Morrazo
Por Redacción
Un total de 55 proxectos presentáronse á convocatoria deste ano para optar ás subvencións do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) da comarca de Pontevedra e O Morrazo, que xestiona os fondos europeos Leader 2014-2020.
Esta entidade pode subvencionar porcentaxes de proxectos produtivos e non produtivos. Este xoves 31 de maio remata o prazo de presentación de proxectos nos dous ámbitos e xa se presentaron 55, dos cales 35 son produtivos e o resto non produtivos (tanto do eido privado como do público).
O GDR mantivo esta semana unha reunión da súa xunta directiva e da asemblea xeral de participantes para aprobar o balance de 2017 e para ir dando a coñecer os proxectos que se presentaron para acollerse a estas subvencións.
O GDR aínda non iniciou o proceso de comprobación de todos os proxectos para coñecer cales poderán ser subvencionables e cales non. Polo de agora, a contía global do custe de todos os proxectos supera os 8 millóns de euros.
Ao respecto do Concello de Pontevedra, o proxecto non produtivo presentado é a rehabilitación da antiga escola dos Campos, para transformalo en local social e tamén para trasladar a estas dependencias a xerencia do GDR. O proxecto ten un custo de máis de 452.000 euros.
O GDR xestiona 3.137.373,21 euros, dos cales 2.353.029,91 euros son as contías do programa de axudas e o resto vai destinado aos gastos de financiamento durante estes seis anos.
O GDR Leader Pontevedra-Morrazo está integrado polos concellos de Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Marín, Moaña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Soutomaior e Vilaboa, cunha poboación rural de 130.851 habitantes.