Unha marea solidaria de 700 persoas camiña entre Vigo e Pontevedra contra a leucemia
Por Redacción & Diego Torrado
Unha marea solidaria de 700 persoas percorreu este domingo os 36 quilómetros que separan o centro comercial da Laxe de Vigo e a praza da Peregrina en Pontevedra para sensibilizar á poboación sobre a necesidade de que aparezan novos rexistros de doantes de medula ósea non emparentados e unidades de sangue do cordón umbilical.
Camiñando, en bicicleta adaptada ou correndo, secundaron a convocatoria da marcha solidaria '700 camisetas contra a leucemia', que se realiza desde o ano 2010 para informar, sensibilizar e dar a coñecer á poboación en xeral que hai esoutro tipo de doazón en vida que pode resultar crucial para moitos pacientes con leucemia.
Preto de 200 veciños de Pontevedra cidade sumáronse á iniciativa e, tras desprazarse en autobús ou vehículo particular ata Vigo, marcharon ata Pontevedra. Ás 12.10 chegaron os primeiros que se desprazaban en bicicleta avanzada, ás 12.53 os primeiros corredores e ás 14.30 os primeiros camiñantes. Saíran ás 9.00 e as 10.00 desde a cidade olívica.
Esta iniciativa solidaria pretende, nesta nova convocatoria, asentarse na sociedade galega e dar valor á acción altruísta e solidaria de moitas persoas que son ou serán doantes de sangue, órganos e/ou tecidos e que regalarán vida ás persoas que necesiten recibir un transplante.
Búscase informar do como, do por que e do para que formar parte do rexistro de doantes de medula ósea e de sangue do cordón umblical para así aumentar o número de rexistros de doantes non emparentados. No ano 2009 había unicamente 60.000 rexistros en España e hoxe son preto de 340.000.
David Gil, presidente da Asociación FranGil, que promove esta iniciativa, destacou que este ano a marcha realizouse "con máis ilusión que nunca", xa que son conscientes de que moitas máis persoas están a escoitar a súa mensaxe e chegan a formar parte do rexistro universal de doantes.
A Asociación FranGil contra a leucemia, que ampara este evento, foi creada no ano 2017 e leva o nome e a positividad de Francisco Gil, que loitou durante catro anos contra unha leucemia linfoblástica aguda. Aínda que non atopou un doante compatible, durante os seus últimos meses tentou, xunto ao seu irmán David Gil, fomentar e dar a coñecer este tipo de doazón en vida.
Relacionadas:
-
A marcha solidaria '700 camisetas contra a leucemia' di adeus: abre as inscricións para a súa última edición
Por Natalia Puga |
-
Sanidade adquire unha unidade móbil para as doazóns de sangue na comarca de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Praza da Peregrina, tinguida de laranxa para loitar contra a leucemia
Por Redacción |
-
De marcha contra a leucemia porque "unha soa vida xa merece a pena"
Por Diego Espiño |
-
Animan a doar médula ósea para combater a leucemia: "Se poden salvar vidas a cambio de case nada"
Por Alejandro Espiño |