A CIG suspende a folga xeral e dá un voto de confianza a Pedro Sánchez
Por Redacción
A folga xeral convocada polo sindicato CIG para o próximo 19 de xuño quedou en suspenso. Así o anunciaron os seus responsables que, ante o cambio de Goberno en Madrid, optaron por cambiala por unha xornada de mobilización con manifestacións en todas as comarcas galegas baixo o lema de Pola recuperación dos dereitos XA.
En Pontevedra, a concentración será ese mesmo martes 19 de xuño, a partir das 20.00 horas, na praza da Ferrería.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, recordou que esta folga xeral estaba concibida como a moción de censura "que outros non facían" da clase traballadora galega fronte á situación de "emerxencia nacional, social, política e institucional".
Con ela, buscaban conseguir a recuperación dos dereitos laborais e sociais "roubados co pretexto da crise" e demandar a fin dun goberno do PP "cheo de corrupción" que actuaba con "total impunidade".
Carril considera que a caída do goberno do PP a consecuencia da moción de censura "é un primeiro paso", pero advirten que retomarán a convocatoria nos próximos meses se o novo goberno do PSOE e as forzas que o apoiaron "non derroga e anula todas as reformas que rouban, saquean, explotan e empobrecen á clase traballadora e ao conxunto do pobo galego".
Iso si, aseguran que "non imos esperar de brazos cruzados, senón que imos esixir coa mobilización os nosos dereitos, mesmo retomando a convocatoria de folga".
CIG reclama un "cambio inmediato" de políticas, entre as que salientan a derrogación das reformas laborais "que nos empobrecen", conseguir avances reais para as mulleres, defender as pensións públicas, rematar cos abusos da patronal, frear as políticas de recorte contra a xente desempregada, acabar coa privatización de servizos públicos ou impedir o retroceso nas liberdades e dereitos fundamentais.
Todo iso, segundo Paulo Carril, con obxectivo de "conquistar o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra".
Relacionadas:
-
O colectivo de pensionistas e xubilados da CIG convoca unha mobilización o 27 de setembro
Por Oskar Viéitez |
-
A CIG fai un chamamento na Peregrina a que Pedro Sánchez recupere os dereitos da clase traballadora
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A CIG sae á rúa a buscar un cambio na política económica e laboral
-
A CIG reivindica un sistema de pensións público e digno
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A CIG denuncia os recortes en prestacións asistenciais e por desemprego ante as oficinas do paro
Por Miguel Álvarez Fandiño & Anxo Lourido |
-
A CIG quenta motores na rúa de cara a unha folga xeral o 19 de xuño
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |