Unha senda peonil unirá o núcleo de Ponte Caldelas e Parada
Por Redacción
A estrada provincial EP-0206 contará cunha senda peonil entre o núcleo de Ponte Caldelas e o lugar de Parada. Así o acordaron este martes o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz.
O investimento superará os 226.000 euros e financiarase grazas a un convenio de colaboración entre ambas partes.
O proxecto de construción da senda pretende replanificar a estrada en materia de mobilidade e seguridade viaria, facendo especial fincapé na protección dos colectivos máis vulnerables: peóns, ciclistas e persoas con mobilidade reducida.
Así, se inclúen actuacións para construír a senda entre o punto quilométrico 0+000 da estrada provincial e o 1+100, así como para actuar con medidas de calmado de tráfico ata o punto quilométrico 2+000.
Deste xeito, crearase un área reservada para os peóns na marxe dereita de 1,1 quilómetros de lonxitude, que unirá as beirarrúas existentes na estrada PO-532 co núcleo de Parada, creando un tránsito peonil seguro entre o núcleo da vila e as numerosas vivendas da zona.
Nas obras aproveitarase o sobreancho que ten a vía actualmente en cuneta vexetal, o que é un espazo moi útil para ampliar a sección da estrada, e crear a nova senda, que estará feita de formigón coloreado e terá un mínimo de 2,5 metros de largo.
A separación entre a senda e a calzada para tráfico rodado realizarase cun caz de formigón de 30 centímetros que servirá para a evacuación de augas pluviais. Ademais da senda, construirase un pequeno anaco de beirarrúa a distinto nivel da estrada no arranque da vía, para conectar coa beirarrúa que chega do centro urbano.
Para mellorar a seguranza viaria e peonil instalaranse, explica Benítez, pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade que aseguren o cumprimento por parte dos vehículos da velocidade máxima permitida: 30 quilómetros por hora en todo o treito do núcleo de Parada, ao considerarse unha travesía moi transitada.
A mellora da iluminación completará a actuación, coa instalación de puntos de luz tipo LED aproximadamente cada 50 metros.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas pon fin ao "illamento" de varias vivendas de Parada
Por Redacción |
-
O Concello renova a iluminación do centro de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Un convenio entre a Deputación e Ponte Caldelas permite crear unha senda peonil dun quilómetro
Por Redacción |
-
150.000 euros para mellorar accesos en Ponte Caldelas
Por Redacción |