Telmo Martín poría "as dúas mans e a cabeza nunha guillotina" pola honradez de Rajoy
Por Alejandro Espiño
Telmo Martín sempre se caracterizou por non ter pelos na lingua. Tampouco cando tivo que criticar ao seu propio partido. Por iso, a poucos sorprendeu a defensa que fixo do xa ex presidente do Goberno, Mariano Rajoy, tras coñecerse a súa decisión de abandonar a primeira liña política.
Nunha rolda de prensa celebrada en Sanxenxo, Martín destacou a honorabilidade de Rajoy e asegurou que poñería as súas dúas mans e a súa cabeza "nunha guillotina" por el, xa que confía en que é "un home honrado".
Nesa mesma categoría situou á presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, e ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, polos que poñería nesa mesma guillotina "as mans, a cabeza ou o que queirades".
Fronte a esta actitude, o alcalde popular contrapuxo o comportamento de "algún senvergonza, impresentable e ladrón" que tivo o Partido Popular nas súas filas nos últimos anos.
"Eu xa pedín perdón hai anos cando me enterei dalgún", sinalou Martín, que engadiu que como militante do PP "dábame vergoña" que houbese na partido xente "desa calaña" e dese nivel de "sinvergonzonería".