Pontevedra, decidida a visibilizar a comunidade LGTBI e combater o seu acoso escolar
Por Redacción
O goberno municipal de Pontevedra creará un equipo de apoio, información e asesoramento para o colectivo LGTBI que terá sede no reformado centro de Santa Clara, onde está situada actualmente a área de Igualdade do Concello.
É unha das medidas que se inclúen na moción conxunta presentada por BNG e PSdeG-PSOE para o seu debate no pleno municipal. Na comisión de Cultura, xa contou co voto a favor de todos os grupos políticos agás o PP, que optou por absterse.
Carmen Fouces explicou que xa se están a dar os primeiros pasos neste proxecto e nos próximos meses se ten pensado manter reunións con persoas e colectivos LGTBI co fin de debuxar un mapa da realidade que viven día a día.
Dentro deste proxecto, ademais, tamén se nomeará unha persoa de referencia nos Consellos da Muller Nova dos centros educativos da cidade para este colectivo cuxos membros -dun xeito especial as persoas transexuais- son vítimas con frecuencia do acoso escolar.
"Celebrar o 28 de xuño e ter un festival, e un ciclo de cine está moi ben pero pretendemos que a visibilidade LGTBI vaia máis alá", sinalou a concelleira de Igualdade.