Pontevedra prorroga tres anos o contrato de recollida de lixo
Por Alejandro Espiño
"Nin un céntimo" subirá, segundo o goberno municipal, o custo do contrato de recollida de lixo e limpeza viaria durante os próximos tres anos. É o tempo que abarca a nova prórroga aprobada este venres polo Concello de Pontevedra.
Ferrovial Servicios seguirá a xestionar os servizos públicos de residuos sólidos urbanos, recollida selectiva en orixe, transporte de residuos, limpeza viaria, desratización e desinfección e limpeza de dependencias municipais.
O edil de Facenda, Raimundo González, explicou que esta decisión vén motivada polos cambios na normativa de contratación e por cambios "inminentes" en materia ambiental que "vamos a ter que contemplar" na futura licitación.
Raimundo González lembrou que Bruxelas decidiu cambiar a normativa en materia de residuos e non está feita a directiva que a ten que desenvolver, o Ministerio de Medio Ambiente ten un borrador para modificar a lexislación vixente e axustarse a novo marco comunitario e a Xunta anunciou o pasado mes que ía a modificar a normativa autonómica.
A isto sumou a posta en marcha do sistema de compostaxe comunitario, o despregue da compostaxe individual e a posterior redacción da nova ordenanza e os novos pregos do concurso e de toda a tramitación administrativa para o novo concurso, partindo dos pregos de licitación.
A prórroga, que vén avalada polos técnicos municipais, obrigará á empresa a renovar certos equipamentos e materiais cuxa vida útil está esgotada.
Así, de acordo con informe técnico, Ferrovial Servicios deberá incorporar dous camións de recollida con carga lateral, un camión con gancho e guindastre, un furgón hidrolimpador, 122 contedores verdes, 188 contedores de papel e cartón, 75 contedores de envases e 130 contedores de vidro. Ademais, tamén se inclúen tres máquinas varredoras e dúas baldeadoras.
A substitución deste material terá que facerse nun prazo máximo de seis meses, a contar da entrada en vigor da nova prórroga, que será este sábado de xuño. A renovación de todo este material suporá un investimento aproximado de 1,5 millóns de euros, a pesar do que a empresa non poderá incrementar o custo da concesión.
MODIFICACIÓN DE CRÉDITO
O goberno municipal levará a pleno, ademais, unha modificación de crédito de 444.000 euros coa que, entre outras cousas, vai dotar de crédito as obras de reforma integral da rúa Lepanto.
Para esta actuación destinaranse 264.000 euros. Os cartos desta modificación de crédito tamén permitirán a realización de actividades de distintos departamentos municipais ou completar a partida inicial de actividades feitas.
Así, 35.000 euros serán para Noites Abertas, 30.000 euros para actividades arredor do Día das Letras Galegas, 50.000 euros para ciclos de teatro e música do Pazo da Cultura e 65.000 euros para a organización dos actos de celebración en 2019 do milenio da parroquia de Cerponzóns.
O concelleiro de Facenda explicou que nesta ocasión os cartos da modificación non sairán dos remanentes municipais senón que se usarán partidas non empregadas no orzamento, como os 90.000 euros destinados aos directores xerais que ao non estar nomeados non teñen uso ou programas que non teñen contemplados pagos neste exercicio.
Relacionadas:
-
A recollida selectiva aumenta un 25% en Pontevedra ata as 249 toneladas ao mes
Por Redacción |
-
Novas armas para os traballadores da limpeza
Por Diego Espiño |
-
Unha mesma empresa limpará todas as dependencias municipais, agás os colexios
Por Alejandro Espiño |
-
Renovarán todas as illas de reciclaxe da cidade e triplicarán as do rural
Por Alejandro Espiño |
-
A Parda, próximo barrio de Pontevedra en sumarse á compostaxe
Por Alejandro Espiño |
-
Ferrovial encargarase tamén da limpeza dalgunhas dependencias municipais
Por Oskar Viéitez |
-
Cidadáns critica a "improvisación" do goberno local no novo contrato de recollida de lixo
Por Redacción |
-
Lagares Oca "guiará" o proceso para licitar o novo contrato de recollida de lixo
Por Alejandro Espiño |
-
Tino Fernández pide unha auditoría sobre o servizo de limpeza viaria
Por Redacción |