Detido por roubar diñeiro e licores dunha cafetería de Vilalonga
Por Redacción
A Garda Civil detivo un veciño de Sanxenxo de 32 anos de idade como presunto autor dun delito de roubo con forza na madrugada do domingo nunha cafetería da localidade.
A Garda Civil levaba meses realizando labores de vixilancia sobre o agora detido ante as sospeitas da súa participación en varios delitos en Vilalonga. En todos os casos utilizaba o mesmo modus operandi: forzar portas e xanelas para acceder aos establecementos.
No último episodio, polo que foi detido, forzou a porta de acceso a unha céntrica cafetería de Vilalonga, apoderouse do diñeiro das máquinas rexistradora e recreativa e levou diversas botellas de licores cuxo valor superaría os 1.000 euros, ademais de ocasionar diversos danos no establecemento.
O detido foi posto en liberdade, pero deberá comparecer ante o Xulgado de Instrución número 2 de Cambados, que instrúe as dilixencias, cando sexa citado.