Piden que Pontevedra se ofreza a acoller refuxiados do buque Aquarius
Por Alejandro Espiño
Os 629 refuxiados e inmigrantes que foron recollidos polo buque Aquarius no Mediterráneo xa viaxan cara España, despois de que Italia prohibira que atracaran nalgún dos seus portos. Valencia será o seu porto de destino tras a decisión do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de acollelos no noso país.
Coa súa chegada queda por ver que cidades acollerán estes refuxiados. A este respecto, os socialistas de Pontevedra instan ao goberno municipal a sumarse aos concellos que xa mostraron a súa dispoñibilidade para recibilos.
"Estamos ante unha situación de pura humanidade. No podemos mirar cara a outro lado como se non fora con nós", explicou o portavoz municipal do PSdeG-PSOE, Tino Fernández, que aplaudiu a decisión do Goberno español.
Os socialistas entenden que, ante unha situación de emerxencia humanitaria como esta, todos os concellos deben aportar o seu esforzo e Pontevedra debe ser, engaden, un concello "solidario e aberto".
Fernández confía en que o goberno municipal sexa "sensible" e se una ao grupo de concellos solidarios. "Os socialistas apoiaremos esa decisión e poñémonos a súa disposición para o que necesiten", asegura.
Con todo, os socialistas de Pontevedra entenden que Europa ten que variar a súa política en materia de inmigración. "Pagarlle a países de democracia dubidosa para que eviten a chegada de inmigrantes ou permitir as actitudes xenófobas dalgúns gobernos, non forma parte do espírito co que se creou a Unión Europea e as cousas non poden seguir así", aseguran.
Relacionadas:
-
Un cento de persoas rachan co silencio: "Non máis mortes de migrantes no Mediterráneo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Casa da Luz homenaxea na celebración do Día Mundial do Refuxiado ás familias que tiveron que fuxir do seu fogar
Por Redacción |
-
Pontevedra prepárase para acoller refuxiados procedentes do buque 'Aquarius'
Por Redacción |
-
Pontevedra ofrécese para acoller refuxiados do buque Aquarius
Por Oskar Viéitez |