Cachorra presentouse en sociedade, a literaria concretamente, hai dez anos en 'Eu tamén fun coas vacas' e agora volta con 'Memorias dunha vaca marela'. O seu creador, o escritor e xornalista Afonso Eiré comparte este Cara a cara cunha camiseta na que loce, non a Cachorra, senón a Paloma " miss Galicia" e mellor vaca de Galicia, de España e de Europa; outra marela galega, de Chantada, como Eiré.
Recoñece que "xa tiña ganas e quería escribilo por toda a xente do mundo rural, gandeiros e labregos que dunha forma ou outra mantiveron unha cultura ou por aqueles que tiveron que deixalo por unha causa ou outra".
Fala de Cachorra como "a miña vaca", unha res que podería ser "unha muller de aldea, rexa, que non se fai notar pero está aí todo o tempo. Cun carácter indómito, a máis mandona". Aínda que a súa intención ao escribir é "facer boa literatura", hai quen atopa unha radiografía sociolóxica, económica ou cultural de Galicia neste libro.
Entrando na outra faceta profesional de Eiré, a xornalística - foi durante algo máis de 30 anos director da Nosa Terra -; charlamos co comentarista político sobre a recente conxuntura política. Unha tesitura cun desenvolvemento radicalmente diferente á que se asumiu. "O Goberno está moi ben feito. A forma de filtralo foi unha obra de arte da comunicación. A min coa experiencia que teño, o corazón dime que moi ben e a razón que mal", afirma en PontevedraViva Radio.
"Danme medo os xuíces e fiscais que entran en política. Fun o único xornalista ao que aplicaron a Lei de Defensa da Constitución, pedíanme doce anos e tiven máis de vinte e nove demandas". Engade que "non é aleatorio nin tan circunstancial que desaloxasen a Rajoy. Desde a UE facía tempo que querían sacar a Rajoy de aí pola corrupción. Pedro Sánchez levaba preparando este Goberno hai dous meses. Sei que con Marlasca, haii máis de dous meses que contactara con el", continúa nunha interesante argumentación durante o programa.