Ese día no que educación viaria e diversión teñen cita no Pazo
A campaña escolar de educación e seguridade viaria que cada ano pon en marcha a Policía Local de Pontevedra volveu a chegar a fin e, como xa é habitual, o peche chegou cargado de diversión cun acto no Pazo da Cultura ao que asistiron centos de escolares e docentes de varios centros educativos do municipio que participan no programa.
No Pazo da Cultura déronse cita participantes nesta edición do curso 2017/2018 da campaña educativa e cobraron especial protagonismo os gañadores das diversas iniciativas e concursos de debuxo e redacción de cartas que promoveu a concellería de Protección Cidadá.
O agasallo estrela foi unha bicicleta, coa que os gañadores poderán demostrar que asimilaron os coñecementos que recibiron nas sesións de formación teórica e práctica que recibiron tanto como peóns como na súa faceta de ciclistas ou, no día de mañá, como condutores.
A Policía Local de Pontevedra leva máis de vinte anos promovendo campañas de educación viaria fundamentalmente para escolares de primaria, como é o caso dos que acudiron á cita deste martes, pero tamén doutras idades entre os 3 anos e a vida adulta.
O acto incluíu diversión, música e animación e un espírito participativo que implicou a escolares e policías, entre eles, o intendente xefe da Policía Local, Daniel Macenlle.