Deteñen un veciño de Meaño por roubar nunha cafetería de Vilalonga
Por Redacción
A Garda Civil detivo un veciño de Meaño de 37 anos como presunto responsable dun roubo que se produciu nunha cafetería de Vilalonga (Sanxenxo) o pasado mes de decembro.
Segundo informou o instituto armado, o ladrón tras forzar a porta da cafetería, accedeu ao interior e despois de esnaquizar a máquina recreativa e o futbolín, apoderouse das súas recadacións.
O importe do subtraído, xunto cos danos ocasionados no establecemento, ascendería a uns 2.000 euros aproximadamente.
Na inspección técnica ocular practicada no establecemento, lográronse revelar os lofogramas de dous impresións dixitais que, tras o seu estudo por parte do servizo de criminalística da comandancia de Pontevedra, permitiu identificar o autor do roubo.
Con este arresto, son dous as detencións levadas a cabo nos últimos na localidade de Vilalonga, a raíz do dispositivo establecido pola Garda Civil para frear o repunte de feitos delituosos que viñan producindo nesta parroquia do municipio de Sanxenxo.
O detido, que foi posto en liberdade tras declarar na comandancia, deberá comparecer ante o xulgado de instrución número 3 de Cambados cando sexa citado.