Chamamento á comunidade educativa a secundala folga do 9 de maio
Por Oskar Viéitez
A comunidade educativa está chamada a unha folga en toda España para este xoves día 9 de maio. Dende o sindicato CIG-Ensino, integrantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, fixeron este martes un chamamento a cidadanía a mobilización contra o anteproxecto de lei da LOMCE, a chamada Lei Wert.
Xacobe Rodríguez, secretario comarcal de CIG-Ensino, considera que o día 9 de maio non é a data máis axeitada, por ser día festivo na capital galega e noutras localidades, malia esta desconsideración, optaron por sumarse a folga o día 9, "xa que o fundamental é evidenciar o máximo rexeitamento á Lei para conseguir a súa retirada".
Desde a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, insistiron na importancia de participar activamente na folga e nas mobilizacións previstas para ese día 9, ás 11:30 horas, nas 7 cidades galegas. No caso de Pontevedra será unha manifestación con saída da Praza da Ferrería en remate ante a Subdelegación do Goberno, e en Vilagarcía será unha concentración na Praza da Galicia.
Sobre as razóns que levan a convocar unha folga no ensino, Demetrio Gómez, en representación do BNG explicou que se trata de "amosar un total rexeitamento a unha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos da sociedade".
E engadiu que a Lei Wert pretende trasladar ao ensino público un "modelo neoliberal e que afonda nas diferenzas sociais no canto de contribuír a que todas e todos teñamos acceso en igualdade de condicións a unha educación pública de calidade".
Finalmente, Ernesto Vázquez, voceiro de Galiza Nova salientou que a LOMCE "significa un retroceso de décadas".
O PSdeG-PSOE manifesta o seu apoio á convocatoria de folga. O concelleiro de Educación e vicesecretario de organización dos socialistas en Pontevedra, Agustin Fernández, e a responsable local de Educación, Monserrat García Lastra, aseguraron este martes que a lei de educación do ministro Wert só "recolle as reflexións da conferencia episcopal" e "nos retrotrae á metade do século XX implantando varias reválidas rachando así co concepto de evaluación continua".
Agustin Fernández destaca que a LOMCE acadou "que toda a comunidade educativa, país e nais, alumnos e profesorado estiveran de acordo na súa contra" e trátase dunha "lei antidemocrática e que foi pactada únicamente coa Iglesia, a gran beneficiada deste esperpento".