A Escola de Enxeñería Forestal elabora unha cartografía dos incendios forestais na provincia
Por Oskar Viéitez
A presidenta e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e César Mosquera, presentaron este xoves unha cartografía dos incendios forestais na provincia elaborada por un panel de expertos da Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo. Este documento base, froito de tres meses de traballo, é un primeiro paso na redacción do plan de integral de prevención de incendios encargado pola administración provincial.
A profesora da Escola de Enxeñería Forestal, Julia Armesto, e a graduada, Laura Alonso, elaboraron esta cartografía a partir das fotografías aéreas que achegan os satélites Sentinel, do programa da Axencia Espacial Europea Copernicus.
Este traballo permitirá realizar simulacións de como podería comportarse un lume en función de diferentes episodios climatolóxicos. O director deste centro do campus pontevedrés e coordinador deste proxecto, Juan Picos explicou que tras exportar estas fotografías nunha ferramenta de Google Earth obtiveron "unha interface moi cómoda para poder traballar no campo", que permite analizar cunha gran escala de detalle o que ocorreu cun determinado incendio, como afectou a núcleos urbanos, que áreas de vexetación víronse máis ou menos afectadas, é dicir, "entender os patróns do lume".
Nesta presentación da cartografía tamén interviñeron Eduard Plana, investigador do Centre Tecnològic Forestal de Catalunya; e o coordinador do Máster en Incendios Forestais da Universitat de Lleida, Domingo Modina, dous dos expertos participantes neste proxecto e que, a partir desta cartografía, realizaron nos últimos días diferentes saídas de campo para avaliar os efectos dos lumes de 2017.
Picos incidiu en que "estamos a tentar resolver problemas complexos nun territorio complexo", polo que se están analizando todos os factores relacionándoos entre si, tratando de "non ver só o que arde, senón como arde" e ter en conta "o que chamamos a severidade dos lumes", é dicir, a medición da intensidade que alcanzan os incendios, xa que nalgúns casos a prevención pasará non por reducir o número de hectáreas senón a súa intensidade.
Un dos aspectos centrais do traballo céntrase na identificación e a análise de "puntos críticos", daquelas zonas nas que "o lume se acelera e queda fóra da capacidade dos medios de extinción".
Esta cartografía permite comparar as zonas ardidas coas faixas de protección de biomasa fixadas pola lexislación, ou tamén a incidencia dos lumes en diferentes tipos de propiedade, ou os efectos que estes lumes tiveron sobre bens de importancia patrimonial, como petróglifos ou mámoas.
A comparación desta información cartográfica coas das zonas afectadas nas ondas de lumes de 2005 e 2006 permitiron comprobar como "os lumes teñen memoria" e como as zonas afectadas por incendios de alta severidade no pasado móstranse máis propensas a volver padecelos nun futuro, debido a que se produce "homoxeneización do territorio ou porque xeran certo abandono das actividades tradicionais".
Como conclusión, as mensaxes que quixo trasladar Juan Picos foron que a prevención parte en boa medida de "tentar entender o que pasou", e que "atender a emerxencia é inmediato, pero cambiar o territorio para o futuro é un traballo que vai levar décadas, que hai que facer ben e que hai que facer constantemente".
Ademais o director da Escola de Enxeñería Forestal, incidiu na importancia da "profesionalización e tecnificación" para facer fronte aos lumes, así como "axudar á xente a auto protexerse" ante episodios deste tipo.
Relacionadas:
-
Máis madeira! A Escola de Enxeñería Forestal quere ampliar a súa xiloteca
Por Oskar Viéitez |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: Ata a elección do leite que se compra conta na prevención de incendios
Por Marisa Ciordia |
-
A Deputación pide as propostas dos "maiores expertos mundiais" sobre a situación do monte galego
Por Oskar Viéitez |