"Preocupación, alarma e medo" entre os veciños de Vilalonga
Por Oskar Viéitez
Os problemas de seguridade cidadá e os "excesivos roubos" que veñen rexistrando nos últimos meses en Vilalonga centraron unha reunión entre o goberno local e a veciñanza desta parroquia. Neste encontro, celebrado o pasado sábado, participou o alcalde Telmo Martín, xunto aos concelleiros Gonzalo Pita e Paz Lago que atenderon as queixas duns 80 veciños.
Segundo lles trasladaron aos responsables municipais, nos últimos meses producíronse 15 roubos principalmente en establecementos comerciais. Os veciños aseguran que hai unha persoa perfectamente identificada, que vive na rúa principal de Vilalonga e que foi detida en 7 ocasións no que levamos de ano e posto en liberdade noutras tantas.
Existe un sentimento de preocupación e de alarma entre os veciños de Vilalonga que non se senten seguros e que mesmo teñen "medo a denunciar por temor ás represalias". A veciñanza sabe quen é o que está a roubar e estase estendendo entre eles o desánimo ao comprobar que a pesar de ser detido, o autor dos roubos en reiteradas ocasións é rapidamente posto en liberdade.
Como consecuencia deste ambiente e clima social o goberno comprometeuse a remitir nos próximos días unha carta ao xulgado no que se están tramitando as denuncias para transmitir o sentimento de "preocupación, alarma e medo" dos veciños de Vilalonga.
O goberno local tamén se comprometeu a que a Policía Local vai reforzar a vixilancia en dous horarios entre as 12 e as 6 da mañá e durante o día coa presenza de dous auxiliares.
Finalmente, o Concello vai estar en "contacto constante" co posto da Garda Civil que está "moi pendente dos roubos que se está producindo".
O goberno confía que estas medidas "e a acreditada profesionalidade da Garda Civil" contribúan a reducir o medo e a preocupación que senten os veciños de Vilalonga. "Se non fóra así e houbese que tomar outras medidas e facer xestións noutras instancias que ninguén dubide que as faremos. Para este goberno a seguridade é a prioridade número uno", sinalaron.