Aplazado o xuízo por despedimento dun traballador da Cámara de Comercio
Por Redacción
Nos corredores do xulgado do Social encontrábanse algúns dos que foron principais dirixentes da Cámara de Comercio de Pontevedra, liderados polo expresidente en funcións da institución Antonio Gómez Rivera. Xunto a eles, acompañándoos, atopábase o actual presidente, Eduardo Barros, que tamén se achegou ata a Audiencia Provincial.
Os membros dese comité executivo anterior estaban citados polo despedimento do traballador Augusto Aláez que reclama a nulidade desa decisión e unha indemnización económica.
O xuízo non se chegou a celebrar por falta de documentación e porque o demandante alega que a persoa que lle outorgou o poder para defender a entidade non era membro da Cámara de Comercio e, polo tanto, carece de lexitimación para representar á institución. Segundo explica o ex traballador, unha modificación legal establece que se os integrantes non se daban voluntariamente de alta podían ser electos e, polo tanto, non podían ser considerados membros do pleno. Augusto Aláez indica que precisamente a notificación aos membros da Cámara de que tiñan que revisar o censo electoral a través do comité executivo foi desencadeante do seu despedimento. O 20 de decembro de 2012 notificouno por escrito aos membros e 8 días máis tarde foi despedido.
O xuízo desenvolverase o próximo 28 de xuño e Augusto Aláez seguirá reclamando a readmisión na empresa e, emocionado, comentaba que a indemnización que solicitará será para axudar aos compañeiros que están en distintas Cámaras como a de Lugo na que levan sen cobrar dende hai máis de medio ano.
Nin o expresidente en funcións, Antonio Gómez Rivera, nin o actual presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Eduardo Barros, quixeron realizar declaracións sobre este caso. No seu momento, Gómez Rivera xustificaba este e outros despedimentos na institución co cumprimento dun plan de viabilidade.