Fiscalía acusa a catro persoas por un caso de explotación sexual a unha moza rumana
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou para o xoves día 9 de maio o xuízo contra catro persoas acusadas de distintos delitos como detención ilegal, de inducción á prostitución, ata un deles de violación.
A primeira procesada é A.C.I., con pasaporte rumano, que actuando "coa intención de atentar contra a liberdade sexual e persoal da súa curmá", nacida en maio de 1987, "así como con ánimo de obter beneficio económico de carácter ilícito procedente da súa explotación sexual", convenceuna para que se trasladase desde Rumanía a España coa falsa afirmación de que podería traballar de camareira.
De modo que, segundo relata a Fiscalía, en agosto de 2010 a acusada acompañou á súa curmá no autobús ata Galicia convencéndoa ademais para que lle entregase a súa documentación persoal.
Durante un mes residiron en Pontecesures onde compartiron residencia coa parella da acusada, un home que responde ás iniciais A.R.C., e con antecedentes penais por violencia de xénero. Pasado ese tempo trasladáronse a Málaga a traballar nun club de striptease "supuestamente como bailarinas", aínda que segundo a fiscalía ao chegar a acusada "obrigou á súa curmá a exercer a prostitución".
"A acusada obrigou á súa prima pegándolle en varias ocasións e díxolle que se esquecese de Rumanía ", e tamén lle dixo "que así non ía a ningún lado e o que tiña que facer era traballar e gañar diñeiro que percibía a acusada". O escrito da acusación detalla que durante todo o tempo que estivo no club de Málaga a acusada era quen recibía o diñeiro que a vítima gañaba exercendo a prostitución, atopándose a vítima nunha situación continuada de dependencia económica, exercendo presión psicolóxica e física sobre a moza para que continuase exercendo a prostitución.
Dúas semanas despois trasládanse a Galicia e no domicilio de Pontecesures a vítima é agredida sexualmente polo compañeiro sentimental da súa curmá. Iniciándose unha situación de "constante vixilancia" pechándoa con chave durante uns días no piso de Pontecesures e trasladándoa a diferenstes lugares para exercer a prostitución como un piso de Santiago de Compostela, dirixido polos tamén acusadas M.C.L.M. e a súa filla P.C.G.L. as cales "elixían ás mozas, impoñían as condicións en que estas debían desenvolver a actividade de prostitución, levaban a contabilidad" entre outras tarefas como cun listado de clientes, anuncios en prensa ou comisións por ganancias.
Estas dúas últimas acusadas, nai e filla, actuaron segundo o fiscal "a propósito da situación de dominio e superioridade" que había sobre a vítima "impoñendo unhas condicións de traballo abusivas que limitaban gravemente os seus dereitos laborais, abusando da súa situación de vulnerabilidade".
Por todos estes feitos a fiscalía entende que a curmá da vítima e á súa parella sentimental son autores dun delito de detención ilegal e outro de inducción á prostitución e outro de detención ilegal, polos que pide para ela un total de oito anos e medio de prisión e 18 meses de multa cunha cota diaria de 18 euros. A estes delitos o home suma outro máis de violación ou de agresión sexual, polo que eleva a petición global de penas aos once anos e medio de prisión e multa de 18 meses de multa cunha cota diaria de 24 euros.
Para as propietarias do piso no que se exercía a prostitución considéralles autoras por un delito de aproveitamento económico da actividade de prostitución e outro de explotación laboral, polos que pide un total de tres anos e medio de cárcere e 18 meses de multa cunha cota diaria de 18 euros.
A Fiscalía pide como responsabilidade civil que se indemnice en concepto de reparación do dano moral ou psicolóxico causado á vítima na cantidade de sesenta mil euros dos que responderan directa e solidariamente ata o límite da súa porcentaxe os catro acusados, a curmá e a súa parella nun 90% e o resto as propietarias do piso de alterne.