Farto da actitude de Portos, Poio pide a desafectación da Praza da Chousa
Por Oskar Viéitez
A celebración do tríatlon, o torneo 3x3 que organiza a asociación Armadiña na praza de Chousa, a Travesía a nado e a IV Carreira Activa Combarro, un tras outro Portos de Galicia, ente presidido por José Juan Durán, foi denegando os permisos necesarios para a realización destes eventos deportivos programados para este verán.
Nalgúns casos contan xa con oito anos de historia porque "a actividade solicitada non se atopa entre os eventos lúdicos autorizables" aludindo, entre outras razóns, ao suposto "arraigo" destas actividades.
Fartos da actitude de Portos, os concelleiros Marga Caldas e Xulio Barreiro, responsables de Deportes e de Patrimonio, informaron en rolda de prensa que o Concello de Poio inicia os trámites para a desafectación de espazos como a Praza da Chouza, en Combarro.
Ademais levarán ao Parlamento de Galicia unha iniciativa para esixir a Portos de Galicia "respecto institucional" para o Concello de Poio. Tamén pedirán ao ente público a modificación da actual normativa.
Mentres tanto o goberno local presentará recursos administrativos para os diferentes permisos denegados ao tempo que busca alternativas para a realización destas probas deportivas.
Xulio Barreiro tamén criticou ao PP local por tratar de "apuntarse o tanto" ofrecendo a súa mediación ante Portos para resolver a situación. "Aquí non hai nada que se poida amañar de xeito caciquil", respondeu o edil nacionalista.