Serviocio ou Civis Global, unha das dúas xestionará as piscinas de Campolongo
Por Alejandro Espiño
A reforma e posterior xestión do complexo deportivo de Campolongo decidirase entre dúas empresas. Trátase de Serviocio -actual adxudicataria- e Civis Global, compañía que opera baixo a marca Máis que auga. A mesa de contratación excluíu as outras catro ofertas por incumprir os criterios técnicos recollidos no prego do concurso.
Serviocio parte, a priori, cunha pequena vantaxe. Obtivo 29,33 puntos na valoración técnica, que inclúe o anteproxecto de obra para a reforma e o proxecto de xestión e explotación das instalacións, fronte aos 27,91 puntos de Civis Global.
Os proxectos presentados, segundo explicou Raimundo González, foron examinados "na súa gran maioría" polos técnicos municipais, coa asistencia da empresa Lagares Oca unicamente na parte relativa á execución das obras.
Agora, deberase examinar a oferta económica presentada por ambas as empresas para comprobar se algunha delas incorre en baixa temeraria.
Serviocio propón investir 4,6 millóns de euros na reforma das instalacións deportivas, unha oferta que supón que o Concello -que estaba disposto a achegar un millón- non teña que asumir custo algún. Ademais, propón unha redución das tarifas dun 2,5%, que sexa gratis para usuarios dos servizos sociais e pagar un canon anual de 60.000 euros.
Pola súa banda, Civis Global reduce o investimento a 4,1 millóns de euros e tampouco recorre ao millón proposto polo Concello. Propón unha rebaixa das tarifas actuais nun 1,5% e unha bonificación do 70% aos usuarios que remitan os servizos sociais municipais. O canon para pagar, pola súa banda, sería de 25.000 euros.
Raimundo González explicou que "sexa cal sexa" a empresa que se faga coa xestión das piscinas de Campolongo durante os próximos 20 anos, producirase unha "transformación profunda" das instalacións que serán "practicamente novas", ao estar prevista un investimento "súper potente" por parte das dúas licitantes.
A mesa de contratación excluíu as ofertas presentadas por Dos Deporte Ocio Salud Ibérica e Ferrovial Servicios por superar os seis meses fixados para a execución das obras de reforma. Carpa Servicios y Conservación, pola súa banda, foi por non respectar os pregos técnicos en materia de sustentabilidade ambiental; e Supera por non alcanzar o mínimo de 22,5 puntos na valoración do proxecto.
Relacionadas:
-
Serviocio seguirá á fronte das piscinas de Campolongo os próximos vinte anos
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello recoñece que haberá unha prórroga "moi pequena" nas piscinas de Campolongo
Por Alejandro Espiño |
-
Marea propón a creación dun consorcio que regule o deporte da cidade
Por Redacción |
-
Seis empresas, interesadas en reformar e xestionar as piscinas de Campolongo
Por Alejandro Espiño |