Pontevedra loce con orgullo a bandeira LGTBI
O balcón e as fiestras da casa consistorial da Praza de España amosan, desde este xoves, o seu compromiso co respecto a diversidade sexual e o dereito a vivir calquera opción en liberdade.
A bandeira LGTBI xa é visible para conmemorar a semana do "orgullo". O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado de representantes de todos os partidos políticos da corporación -PP, PSdeG-PSOE, Marea e Cidadáns-, foi o encargado de "inaugurar" este distintivo.
"Estamos a visibilizar ás persoas con sexualidade diferente, que teñen todo o dereito do mundo a exercela en liberdade", sinalou Fernández Lores, que defendeu o respecto da sociedade pontevedresa pola diversidade e o dereito á intimidade da actividade sexual "voluntaria e libre".
Este xoves, Día Internacional do Orgullo, Pontevedra ten outras dúas citas na súa axenda: un faladoiro na Taberna do Jazz e un concerto de Canela Cafrune co que se dará peche a esta xornada simbólica.
O Orgullo de Pontevedra celébrase desde hai anos baixo a marca Flop (Free Life Orgullo Pontevedra) e abrangue varias actividades como o Flop Transforma (nos institutos, con charlas e convivencias) e o Flop Cinema, un ciclo que tivo lugar entre os meses de maio e xuño.
A programación concluirá co Flop Festival, a convocatoria anual de música electrónica do Parque dos Gafos, que este ano se desenvolverá entre as 12 da mañá e as 12 da noite do vindeiro 14 de xullo.
Relacionadas:
-
Unha 'orgullosa' romaría no Gafos para reivindicar a diversidade sexual
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Volve o Festival Flop, doce horas de música, gastronomía e Orgullo LGTBI
Por Redacción |
-
Os 40 anos de loita LGTBI fanse visibles no Pazo Provincial
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Flop Cinema crea alianzas co Cineclube de Pontevedra e os festivais Novos Cinemas e FIC Bueu