Mariña Paz (14 anos) e Irene Teijeira (15 anos) creceron rodeadas de música. Por se esas doses na infancia non eran suficientes, durante a súa estancia no colexio de Barcelos coñeceron a Gonzalo Maceira; a primeira apuntándose a clases de inglés, a segunda a clases de coro. 'Proxecto musical' así definiu Maceira a iniciativa que aglutinou a Mariña, Irene, Amaya, Carlota e Manu - máis tarde Diego -.
Cando o seu mentor, o 'mono' de Furious Monkey House díxolles que se ían ao mítico estudo de Abbey Road en Londes, foi cando empezaron a ser conscientes de que ese proxecto musical que xurdira, ía en serio, eran unha banda. Alí fóoon todos, pais incluídos, a gravar 'Run'. Tras aquela publicación non tardaron en chegar os nomeamentos, os recoñecementos. "Ao principio non sabiamos moi ben o que estaba a pasar", di Mariña nesta Playlist.
O que teñen claro, manifestamente claro para a súa idade, é que "é superdifícil vivir da música", polo que o seu desexo é seguir gozando dela como hobbie. E gózana tanto sobre os escenarios ou como público. Cando toca isto último "é festa para todos" di Irene, xa que os pais tamén lles acompañan para que poidan acudir a concertos e festivais.
Gonzalo, as súas familias e os seus amigos son quen lles mantén cos pés no chan. A proba máis evidente é a sentenza de Mariña: "cando ves a unha persoa que se fai famosa grazas a outra xente e que non é capaz de valoralo e agradecelo; iso é xusto, o que nós non queremos facer".
Ademais da música, Irene practica waterpolo, adestra todos os días e o fin de semana compite; agárdalle este mes de xullo o Campionato de España. Pola súa banda Mariña practica baile desde hai dous anos e afirma en PontevedraViva Radio que lle encanta. Acaban de terminar terceiro curso da ESO e resolvérono satisfactoriamente.Mariña declárase máis afín ás materias vinculadas a Humanidades, mentres que Irene prefire as de Ciencias, iso si, recoñece que o Inglés non está entre os seus éxitos. Ambas queren facer estudos superiores no futuro.
O segundo disco xa está gravado. "Nótase unha evolución e ten máis variedade" avanzan, foi un proceso máis longo que no primeiro e reservan máis detalles para o seu lanzamento que ha de ser este 2018. Estamos a esperalo!