Feijóo deposita en Rafa Domínguez a esperanza para Pontevedra fronte a "un modelo esgotado e un alcalde canso"
Por Natalia Puga
O presidente do PPdeG e da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, considera que Rafa Domínguez, desde este sábado novo presidente local do partido, é a esperanza para a Pontevedra do futuro fronte a unha situación actual que define como a de "un modelo esgotado e un alcalde canso".
Feijóo acompañou a Domínguez no congreso local no que foi elixido presidente por aclamación e destacou que, baixo a súa presidencia, e coa súa candidatura ás eleccións municipais do próximo ano 2019, ofrecerá ao municipio "un proxecto novo, distinto aos últimos 20 anos", pois "lamentablemente, Pontevedra leva condenada nos últimos lustros a ser unha das cidades menos dinámicas de España e de Galicia".
O líder dos 'populares' galegos non negou que "Lores fixo as cousas ben durante un tempo", pero cre que ese tempo xa forma parte do pasado e utilizou un símil automobilístico para describir como están a ser os seus últimos anos de mandato. "Está preocupado polo chasis, pola pintura, polos extras, pero non se preocupa do motor", criticou, á vez que insistía en que "o motor da cidade do futuro é o emprego".
Destacou que o equipo do que se rodeou Rafa Domínguez é a combinación perfecta de experiencia e mocidade -ten de media 45 anos e ningún concelleiro do actual grupo municipal- e permitirá poñer fin a unha situación na que "o goberno local insiste en mirar cara atrás". "O futuro para a cidade de Pontevedra apelídase Domínguez e chámase Rafa", sostivo durante o seu discurso de clausura do XXII Congreso Local do PP.
Rafa Domínguez tamén estivo apoiado por quen na actualidade é o cargo político máis importante en España coas siglas do PP, Ana Pastor, presidenta do Congreso dos Deputados e deputada por Pontevedra. Moi apegada ao funcionamento do PP local, no que o seu marido, José Benito Suárez Costa, pasará a ser vicepresidente da nova executiva recentemente elixida, tamén trasladou a súa confianza en que será o futuro alcalde de Pontevedra.
"A cidade está esperta, pero hai políticos que están adormentados", sostivo Ana Pastor, que agradeceu todo o traballo realizado polo presidente saínte, Jacobo Moreira, e depositou a súa confianza en Domínguez como a persoa que consiga que "os cidadáns das parroquias teñan os mesmos dereitos que os do centro".
O presidente provincial do partido, Alfonso Rueda, tampouco faltou á cita e, no seu discurso, destacou que o PP local estase "rearmando" grazas á "valentía" de Rafa Domínguez, que, nun tempo no que "o máis fácil é poñerse de perfil", optou por dar un paso adiante.
Rueda, ademais, protagonizou unha das anécdotas do congreso celebrado no vestíbulo da sede de Afundación en Pontevedra. "Quédache un ano par tomar viño nos furanchos", díxolle a Rafa Domínguez. O novo presidente xa falara do asunto xusto antes, no seu primeiro discurso no cargo, ao asegurar que seguiría todos os consellos de Rueda excepto un: "nos furanchos non vou beber viño".
Relacionadas:
-
"Temos avanzado máis coa compostaxe neste mandato que coa reforma urbana no primeiro"
Por Alejandro Espiño & Paula Sanmartín |
-
Rafa Domínguez enarbora a bandeira da ética na política local: "Yo no creo en los privilegios para los concejales"
Por Natalia Puga |
-
Rafa Domínguez, elixido por aclamación novo presidente do PP de Pontevedra
Por Natalia Puga |