Un particular reclama, a través de letreiros no paseo peonil, comportas para o río Gafos
Por Redacción
"Atención: Peligro debajo de este puente. Está cargado de ratas, culebras y ya no digo mosquitos. El río ya no lleva casi agua, al poco tiempo estará seco, como siempre ocurre. Es necesario más compuertas que aguanten el agua. Esto le pertenece a la Xunta de Galicia. Seoane".
É a mensaxe, escrita en castelán, que un particular colocou a través de varios papeis pegados en diferentes puntos do paseo peonil de madeira que transcorre paralelo á avenida María Vitoria Moreno na contorna das instalacións do centro tutelar de menores Avelino Montero.
No seu escrito alerta sobre a bichería que se atopa nesta zona, baixo a ponte da avenida de Vigo. A maleza creceu considerablemente tras as choivas dos últimos meses e, segundo este veciño, provoca a aparición de numerosos mosquitos, ratas e culebras.
O particular alerta tamén do baixo caudal que presenta este río durante os últimos anos e reclama a instalación de comportas no seu trazado para poder regular a baixada da auga. A nota finaliza sinalando á Xunta de Galicia como a administración que debe asumir as competencias deste espazo natural.
O Concello de Pontevedra mantense á espera de que a Xunta desbloquee a declaración do río Gafos como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), que garantiría a súa protección. Desde decembro de 2013 conta cun ENIL provisional á espera dunha aprobación definitiva.
O Concello está a finalizar a última fase das obras de saneamento, que leva un notable atraso debido ás dificultades para acometer os traballos debido ás fortes choivas deste inverno. O tramo no que se están mellorando as canalizacións sitúase desde a avenida de Vigo ata Alcalde Hevia, onde se inicia a canalización soterrada. Tamén nesa zona de Campolongo obsérvanse carteis reclamando que o río volva quedar ao descuberto.
Relacionadas:
-
Pontevedra abre unha nova 'porta' ao Gafos desde María Victoria Moreno
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas promoven unha ruta Hamelín por Pontevedra detrás das ratas
Por Redacción |
-
Pontevedra incorpora unha nova parcela ao parque do Gafos
Por Redacción |
-
Vaipolorío alerta da deterioración das pontes de madeira do Gafos
Por Oskar Viéitez |