A veciñanza traslada as súas suxestións sobre a senda de Lapamán á conselleira Ethel Vázquez
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presentación do proxecto da senda entre Vilaseca e Lapamán converteuse este lunes nunha auténtica asemblea veciñal na que un grupo de trinta propietarios afectados por esta obra da Xunta trasladaron as súas queixas e suxestións á conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, que atendeu todas e cada unha das propostas dos veciños xunto á alcaldesa de Marín, María Ramallo.
Como denominador común en todas as intervencións da veciñanza estaba a demanda de seguridade viaria neste tramo da estrada. Pasos de peóns, balizas, líneas contínuas, redutores de velocidade, rotondas... cada veciño tiña o seu propio deseño para mellorar esta vía. Ethel Vázquez escoitou todas as ideas pero deixou nas mans dos técnicos do seu departamento a definición do proxecto final.
Atendendo as súas preguntas, a conselleira detallou que no treito da senda que atravesa un pequeno rego executarase unha pasarela de madeira, que irá ancorada á estrutura da ponte existente, garantindo así a continuidade da senda. Ademais, engadiu, construiranse muros de contención para gañar espazo para a senda e habilitarase unha banda de aparcadoiro en liña nas proximidades da praia de Lapamán, dunhas 35 prazas, facilitando o estacionamento na zona aos veciños.
A conselleira informoulles da licitación este mesmo luns das obras de execución da nova senda na estrada PO-551, na que o seu departamento investirá preto de 790.000 euros, contando as expropiacións das 44 fincas necesarias para a súa execución.
Ethel Vázquez adiantou que a nova senda terá a súa continuidade no proxecto a desenvolver na PO-551, xa en Bueu, para dar acceso á praia de Lapamán. O itinerario estenderase 1,5 quilómetros pola marxe dereita da estrada PO-551 e chegará ata o límite do termo municipal de Bueu.
Neste encontro o xefe do Servizo de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez, destacou que a nova senda construirase en formigón coloreado para facilitar a visibilidade de todos os seus usuarios, e tamén por parte dos condutores e indicou que esta actuación, xunto coa senda prevista na mesma estrada en Bagüín e Seixo, permitirá percorrer a pé Marín ao completo pola costa.
Por outra banda, a conselleira anticipou que neste mesmo mes de xullo estará rematado o proxecto construtivo do itinerario Coirados-Pardavila e o documento de información pública da senda Pardavila-Cadro, ambas sendas proxectadas na estrada que vai a Moaña. Estas intervencións forman parte do Plan de Sendas de Galicia para a comarca do Morrazo, no que a Xunta executará 10 quilómetros de sendas e investirá preto de 3 millóns de euros.
Finalmente, Ethel Vázquez salientou que o conxunto de actuacións proxectadas pola Xunta no Concello de Marín, ás que se engaden a humanización da rúa Concepción Arenal e o reforzos de firme de varias estradas, supoñen un investimento da Xunta superior aos 3 millóns de euros.