Cita coa mellor artesanía na Feira Multisectorial de Portonovo
A Feira Multisectorial de Portonovo está a converterse nunha das grandes referencias do verán en Sanxenxo.
Situada na rúa Rafael Picó, xunto ao paseo da praia de Baltar, ofrece unha ampla variedade de produtos artesanais, orixinais xoias de autor, bixutería, cerámica, marroquinería, moda, complementos ou souvenirs.
A organización corre a cargo da empresa Target Eventos Especiales, que trae a Portonovo unha selección de 70 casetas cun estilo similar ás que instalan noutros puntos turísticos de interese, como Porto Banús, en Marbella.
En Portonovo a feira montouse con jaimas e, como elemento decorativo e funcional, instalouse unha pérgola e celosías, ao longo da feira, de forma que se achega sombra ao paseo e permite un mellor goce para os camiñantes e visitantes da feira.
A continuación, unha mostra dalgunhas das casetas que podemos atopar na Feira Multisectorial de Portonovo:
CASETAS DE MOZOS CREADORES, ARTESÁNS E NOVAS MARCAS
- "La casa de las trenzas": creacións en coiro con pezas de prata e cerámica, colares, aneis, pulseiras e nocelleiras.
- "Atelier Vintage 50": taller onde recuperan pezas antigas ou en desuso de mobiliario e crean novas pezas, como letras decorativas, rótulos, caixas e organizadores con estética vintage.
- "Casitas de Aromas": cerámica en barro realizada artesanalmente, con variedade de deseños de casas en miniatura que se poden usar para aromatizar o fogar con aceites esenciais.
- "Planeta Camiseta": deseño de orixinais camisetas con imaxes traballadas en serigrafía, con iconografía baseada en películas clásicas e coñecidas series de televisión.
- Tamén atoparemos souvenirs de recordo de Portonovo e Sanxenxo con deseños exclusivos e orixinais plasmados en camisetas e cuncas.
CASETAS DE ARTESANÍA INTERNACIONAL
- "Minerales de Brasil": unha gran variedade de minerais orixinarios deste país, pedras semipreciosas, fósiles, cunchas ou tamén obxectos decorativos como móbiles, lámpadas e cinceiros, creados con estas pedras.
- "Artesanía de Marrocos": artigos de marroquinería fabricados artesanalmente, como bolsos, carteiras, cintos ou pufs e tratados con tinturas naturais.
- "Chakras": atoparemos deseños de bixutería en prata traída da India.
- "Arte Precolombina": bixutería con baño de ouro, realizada artesanalmente e con deseños baseados na cultura precolombina.
PRODUTOS DE GASTRONOMÍA GOURMET E ARTESÁ
- "Garrapiñadas Mi Tierra": producen garrapiñadas de calidade gourmet, con gran variedade de froitos secos de orixe ecolóxica, como pipas, cacahuetes, améndoas ou anacardios.
- "Apple Times. Delicias Turcas": ofrece variedade de froitas deshidratadas e doces elaborados no seu obradoiro seguindo a tradición reposteira de Turquía, como delicias, baklavas e outras especialidades.
- "Forno de Lugo": pan galego, empanadas artesás de bacallau, zamburiñas ou atún, entre outras, e doces tradicionais, como bica, biscoitos e follados.
- Tamén poderemos gozar de xeados artesanais ou dos novos bubble waffles, diferentes sabores de xeado presentados en gofres de burbullas e con variados toppings.
A Feira Multisectorial de Portonovo pode visitarse ata o 15 de setembro nun amplo horario, de luns a domingo, de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 02:00.
Relacionadas:
-
Conta atrás para a Multisectorial: 900 metros cadrados de artesanía ata o 15 de setembro en Portonovo
Por Redacción |
-
Sanxenxo agarda dar un "salto de calidade importante" coa feira multisectorial de Portonovo
Por Redacción |
-
Satisfacción en Sanxenxo polo balance "positivo" da feira multisectorial
Por Redacción |
-
Portonovo reinventa a súa feira multisectorial
Por Redacción |
-
Empezan 58 días de feira en Portonovo, máis tempo que nunca
Por Oskar Viéitez |