A Rosa dos Ventos agarda reunir máis de 8.000 persoas na concentración moteira de Poio
Por Oskar Viéitez
Esta fin de semana terá lugar en Poio a novena edición da concentración moteira que organiza o motoclub A Rosa dos Ventos. O seu presidente, Manuel Torres dixo que agardan reunir a máis de 8.000 persoas.
O programa arranca o venres día 6 de xullo, ás 19:00 horas, coa apertura das instalacións e de inscricións no despacho de billetes. Despois terá lugar unha "rolda de xogos moteiros" e ás once da noite sairá o paseo de fachos polo municipio "na honra dos compañeiros que xa non están".
A noite do venres pecharase cos concertos de rock a cargo de Watch McKánijan & The Outsiders e o grupo IX Voltios.
A Rosa dos Ventos deseñou para o sábado un programa ben completo no que destaca o paseo moteiro por varias zonas turísticas que sairá ás cinco e media da tarde. Ademais haberá degustación de mexillóns na carpa instalada na Seca e, ás 20:00 horas, será o primeiro pase do espectáculo "stunt" a cargo de Anys, Corredoira 89 e Edu Rodríguez.
Despois da cea, cun "estupendo menú", haberá unha entrega de trofeos seguida das tradicionais queimadas. A medianoite terá lugar o segundo pase de "stunt" e preto da unha da madrugada soará a discoteca móbil "con gogós e agasallos ata que o corpo aguante".
O domingo ás once da mañá realizarase outra ruta moteira que recorrerá varios enclaves turísticos fóra do municipio de Poio "con varias pinchadas para todos os asistentes". A despedida será a media tarde logo do xantar.