Os peregrinos do Camiño Portugués seguen á alza: aumentaron un 15% no primeiro semestre
Por Natalia Puga
As rutas xacobeas que pasan pola provincia de Pontevedra non paran de crecer, un incremento de visitantes que, no caso do Camiño Portugués, foi do 15% nos seis primeiros meses deste ano 2018 con respecto a un ano antes, pero que se rexistrou no resto de itinerarios: o Camiño Portugués da Costa case duplicou peregrinos, a Vía da Prata creceu un 3% e o Camiño de Inverno, un 2%.
Este incremento é positivo para a provincia xa para todas as administracións e colectivos con competencia na materia, pero tamén implica un plus de responsabilidade. O presidente da asociación Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores, advertiu do perigo de que este crecemento de peregrinos non se saiba xestionar e derive en masificación.
Esta advertencia cobra especial sentido de fronte ao próximo Ano Santo 2021, pois na actualidade a principal das rutas xacobeas en seguimento, o Camiño Portugués, ten 80.000 peregrinos e para esa data van multiplicar. Ante tal posibilidade, considera que hai que empezar a traballar en "a ver onde os metemos", pois a masificación pode acabar provocando que "a xente teña mala imaxe".
Esta é unha das "preocupacións" de Tino Lores. A outra é a falta de seguridade, pois leva tempo chamando a atención sobre a perigosidade dalgúns tramos do percorrido como San Caetano de Alba e "a resposta é sempre a mesma, que se vai facer, pero San Caetano segue sendo San Caetano.
Estas valoracións realizounas Tino Lores tras participar nunha nova reunión da Mesa do Camiño no Pazo Provincial, un encontro trimestral ao que acudiron representantes dos concellos polos que trascurre algunha das rutas xacobeas que pasan pola provincia, da Deputación de Pontevedra, da Xunta de Galicia e de colectivos sociais que traballan nesta materia.
A mesa de traballo conxunta serviu para analizar o estado actual desta iniciativa e as liñas de traballo a seguir de fronte ao próximo Ano Santo 2021. Ao seu termo, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que na o reunión constatouse que "imos avanzando de cara a todo o que tiñamos planificado hai tres anos" e que o seu correcto funcionamento e avances é unha mostra de que "se pode traballar xuntos e pódese mellorar".
Segundo avanzou, xa están redactados os proxectos para a recuperación do espazo e a mellora da mobilidade peonil en varios puntos da ruta, entre eles a estrada EP-0508 entre Curro e San Amaro, en Barro; a rúa do Parque de Caldas de Reis; e outras actuacións en Santa María de Oia e Valga.
Todas as administracións representadas insistiron na necesidade de mellorar as infraestruturas e Silva anunciou que vai pedir unha reunión co novo delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para "traballar para que tamén nas infraestruturas competencia do goberno español haxa un calenariao que permita que estean en óptimas condicións", pois "non podemos esquecer que 2021 é Ano Xacobeo e teñen que estar como unha patena".
Por parte da Xunta deuse traslado aos integrantes da Mesa do Camiño de que están estudando que haxa unhas directrices de sinalización que unifiquen criterios para que as distintas administracións sigan as mesmas liñas de traballo e haxa sinais unificadas.
Ademais, tamén se está estudando que Portugal adopte as mesmas recomendacións para que "haxa unha sinalización única que faga que os peregrinos teñan máis fácil todo o que teña que ver co percorrido".
Relacionadas:
-
A Deputación desconvocou a Mesa do Camiño para estudar a participación do conselleiro
Por Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez aposta por "novas ideas" en turismo e por potenciar o Camiño Portugués
Por Redacción |
-
Última viaxe do "Tren peregrino" que este verán percorre o Camiño Portugués
Por Redacción |
-
8.000 persoas percorreron este 2018 o Camiño portugués da Costa
Por Redacción |