Louzán: "Estamos en condicións de desperdiciar os postos de traballo de ENCE? Eu sinceiramente creo que non"
Por Alejandro Espiño
Lonxe de matizar as súas declaracións deste mércores, nas que aseguraba que o traslado de Ence era inviable, Rafael Louzán deu un paso máis con respecto ao seu apoio á pasteira. O presidente da Deputación, abordado polos xornalistas nun acto oficial, preguntouse se en Pontevedra e a súa comarca "estamos en condicións de desperdiciar os postos de traballo de Ence", ante o que se autocontestou cun rotundo "eu sinceiramente, creo que non".
"Ence está xerando emprego e riqueza en Pontevedra", insistiu Louzán. Recoñeceu que a empresa debe cumprir unha serie de cuestións medioambientais e cuestións "menores" como reducir o impacto visual e os seus cheiros, pero asegurou que "se iso se cumpre", as autoridades competentes, entre as que citou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o Ministerio de Medio Ambiente, "avaliarán cal é a mellor solución".
En todo caso, o presidente da Deputación afirmou que "o importante en todo caso" é que a decisión sobre o futuro de Ence "está en Galicia". Reiterou que as propostas que se manexaban para o traslado "non son viables na actualidade por custo económico e operativo" e recordou que, malia que a concesión á empresa caduca en 2018, "non se debe esperar tanto tempo para tomar a decisión, sexa cal sexa".
Rafael Louzán, que repetiu en varias ocasións que "o importante é que Pontevedra necesita traballo para a xente", utilizou este mesmo argumento para criticar ao Concello de Pontevedra "porque en catorce anos en ningún momento dialogou coa empresa" e concretamente ao seu alcalde, Miguel Fernández Lores, ao que acusou de que "se lle enche a boca falando de xerar emprego e non creou nin un só metro cadrado de solo industrial en Pontevedra".
"Esa débeda a terá sempre o BNG de Pontevedra que non deron alternativa nin propuxeron nada para as miles de familias que pensan en buscar un emprego e non o atopan", concluíu o presidente provincial do PP. "Pontevedra é unha cidade que, desde o punto de vista industrial, non ten alternativa".
RUEDA INSISTE EN QUE A CONCESION CADUCA EN 2018
Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, evitou pronunciarse este xoves sobre as declaracións de Rafael Louzán. En todo caso, insistiu en que se tomará tomar "entre todos" a mellor decisión sobre a factoría de ENCE en Lourizán, pero remarcou que a vixencia da concesión "caduca en 2018". Ante esta situación, precisa que a Xunta fará "un pronunciamento tendo en conta todas as circunstancias", entre as que aludiu ás medioambientais.
O PSOE PIDE AO PP QUE CESE A LOUZAN
O PSOE cre que Louzán "ridiculiza e deixa aos pés dos cabalos ao presidente da Xunta Núñez Feijoo e ao seu conselleiro Hernández"
Pero ao PSOE non lle gustou nada o dito polo presidente da Deputación. O deputado socialista e secretario local do partido en Pontevedra, Guillermo Meijón, afirma que "se desmonta a farsa que ata agora mantiña o PP respecto das súas pretensións sobre ENCE" e que as declaracións de Louzán "ridiculizan e deixan aos pés dos cabalos ao presidente da Xunta Núñez Feijoo e ao seu conselleiro Hernández".
O PP, e en concreto Núñez Feijoo, indica o deputado socialista, "tería que cesar de modo inmediato a Louzán se pretende que as súas votacións no Concello de Pontevedra e no Parlamento de Galicia favorables ao traslado da pasteira teñan credibilidade". Considera Meijón que "o contrario significaría que Núñez Feijoo e Hernández son artífices, xunto con Rajoy, dun gran engano a Galicia utilizando ao parlamento galego como instrumento electoral a sabendas de que mentían".
Meijón subliña ademais que "as declaracións de Louzán producíronse un día antes de que o PP ratifique no Congreso a nova Lei de Costas de Cañete e Rajoy". A este respecto, lamenta que "a lei de Costas do PP está confeccionada contra os intereses de Galicia". Asegura que "é unha lei que non soluciona o grave problema dos nosos núcleos costeros tradicionais senón que os utiliza para garantir 75 anos máis a ENCE".
Relacionadas:
-
Feijóo vincula a permanencia de ENCE a ver "que oferta e que melloras económicas está disposta a facer"
Por Redacción |
-
Louzán abre a porta á continuidade de ENCE na Ría e Lores cre que é un "auténtico escándalo"
Por Alejandro Espiño |
-
Juan Luis Arregui, presidente de ENCE: "Trabajamos para que en 2016, todos nos pidan que sigamos en Pontevedra"
Por Alejandro Espiño |