A Xunta e o Concello de Cambados asinan o convenio para a celebración da 66 edición da Festa do Albariño
Por Redacción
Cambados celebrará este 2018 a 66 edición da tradicional Festa do Albariño, un evento que está catalogado como primeira festa de Interese Turístico Nacional e festa vitivinícola máis antiga de Galicia e a segunda de España.
A alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, e a directora de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, mantiñan un encontro nas últimas horas na delegación de Pontevedra coa presenza do delegado territorial, José Manuel Cores Tourís, para asinar o convenio para a celebración da edición deste ano, que comezará na primeira semana de agosto.
Cambados conta coa condecoración como Cidade Europea do Viño e é o primeiro concello en España que destina unha concellería á actividade vitivinícola. Ademais, a alcaldesa Fátima Abal destacou que se trata da primeira festa gastronómica en Galicia que logra tamén a distinción de Festa de Interese Turístico Internacional.
Nava Castro, pola súa banda, sinalou que o albariño é un exemplo perfecto dun evento festivo que facilita a internacionalización e comprometeuse a incrementar o importe económico do convenio para o próximo ano apoiándose na nova distinción internacional.