Ketty Fresneda, ás portas de converterse en gañadora de Masterchef
Por Alejandro Espiño
Masterchef, segundo Ketty Fresneda, "regaloume unha etapa preciosa da miña vida". Así resumía esta cubana de 28 anos, fincada en Pontevedra, o paso polo concurso culinario de TVE. Non puido facerse coa vitoria final na sexta edición do programa, pero chegou máis lonxe do que ela mesma pensaba.
Tras un rifado 'combate' nos fogóns, Ketty quedou a un paso de ser a nova Masterchef española. Despois de demostrar a súa valía na cociña, ao longo de trece programas, quedou en segunda posición. "Gañáchelo traballando", destacaron Pepe Rodríguez, Samantha Vallejo-Nágera e Jordi Cruz, os estritos xuíces do concurso.
O camiño ao duelo final non foi fácil para a moza pontevedresa. Na primeira proba, os catro finalistas tiveron que replicar dous pratos creados por Oriol Castro e Mateu Casañas, do restaurante barcelonés Disfrutar, galardoado con dúas estrelas Michelin e considerado como un dos vinte mellores restaurantes do mundo.
Seguindo as instrucións de Oriol Castro, Ketty e os seus compañeiros afrontaron unha proba que, como ela mesma recoñeceu, foi "moi estresante". Debían seguir paso a paso e sen descanso a elaboración dunha gilda de xarda e un 'trampantojo' de macarróns e non foi todo o ben que se esperaba.
Tras sufrir durante a proba un "problema de atención", segundo os xuíces, unha mellorable execución dos macarróns, a moza non puido clasificarse directamente para o duelo final. Ese posto foi para unha das súas grandes amigas no concurso, Marta. "Podes esixirte moito máis do que dás", chegou a dicirlle Samantha Vallejo-Nágera á pontevedresa.
Pero a segunda oportunidade non a deixou escapar. Xunto aos seus compañeiros Toni e Oxana, Ketty viaxou ás cociñas do restaurante El Bohío (Illescas), propiedade de Pepe Rodríguez, un dos xuíces do programa, onde cada un deles tivo que elaborar dous pratos dun menú degustación "cun intenso sabor a Castela A Mancha", como afirmou o seu creador.
No caso da aspirante cubana, dos seus fogóns saíu un prato de cigala, sopa ao cuarto de hora, aire de azafrán, tallaríns de lura e cruxente de gambas; e unha sobremesa composta por xeado de nata, crema de sésamo e vinagre, biscoito de azucre moscovado e aéreo de chocolate e caramelo cruxente de chocolate.
Os comensais, todos os gañadores que Mastechef tivo nas súas doce edicións -senior, junior e VIP- valoraron moi positivamente o traballo de Ketty. Dela aseguraron que os seus pratos estaban "súper bos" e que as súas "impresionantes" propostas eran "moi elegantes e orixinais", ante o cal afirmaron que había "pouco que engadir".
Tamén os xuíces encomiaron que Ketty afrontase o cociñado "con moita seguridade" e que todos os acompañamentos dos seus pratos estivesen "no seu punto". O único pero, as tellas de chocolate da sobremesa que, segundo Pepe Rodríguez, "se te foron das mans". Aínda así, ela foi a elixida para o duelo final.
Xa na última proba da noite, para dilucidar quen sería a gañadora, Ketty e Marta tiveron que poñer en práctica todo o aprendido estes meses e demostrar que, con esforzo e ilusión, os soños cúmprense. Cada unha das dúas finalistas elaborou un menú completo, composto dun entrante, un prato principal e unha sobremesa.
Para este gran duelo final, Ketty optou por un menú fusión a medio camiño entre Galicia e Cuba, cun especial protagonismo, como ela mesma explicou mentres cociñaba os seus pratos, dos produtos do mar da súa terra de acollida, preparados con "moitos toques tropicais" en homenaxe ás súas raíces cubanas.
Así, como entrante presentou unha ensalada de boi de mar, cigala e rape con cúpula de coco que, segundo os xuíces, era "interesante e atrevida"; como prato principal, raia no seu zume con ensalada de anisados, encurtidos e caviar de pomelo, unha proposta "arriscada" no que o peixe estaba nun punto "marabilloso" e no que destacaba o "saborazo" da ensalada.
Por último, a súa sobremesa -o seu punto débil durante todo o concurso- foi trasladar os sabores dun "cuba libre" á repostería, unha idea "divertida" que gustou ao xurado porque "está moi ben feito" e demostraba o "denominador común" da súa cociña, os sabores intensos.
"Esta foi a experiencia máis marabillosa da miña vida", sinalou Ketty antes do veredicto de Pepe, Samantha e Jordi, porque "pase o que pase eu xa me levo o premio". Ao final, nun dos duelos máis rifados da historia do programa, a pontevedresa quedou en segunda posición. "Vou abrir o meu restaurante si ou si", asegurou a modo de conclusión.
Relacionadas:
-
O pontevedrés Francis Lorenzo será concursante de MasterChef Celebrity
Por Alejandro Espiño |
-
Masterchef estrea nova tempada con Pepe Solla e unha 'masterclass' sobre a lamprea
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- A playlist de... Ketty Fresneda: Azucre, sal e pementa!
Por Mónica Patxot & Marisa Ciordia |
-
Pontevedra, á 'La sombra de la ley' cunha premier de película
Por Alejandro Espiño |
-
Ketty, unha pontevedresa "por amor" que participará na sexta edición de Masterchef
Por Alejandro Espiño |