Jacobo Moreira renunciará a súa acta de concelleiro no pleno do 16 de xullo
Por Redacción
A xunta de portavoces decidiu que o vindeiro luns 16 de xullo teña lugar o pleno municipal, que será o último de Jacobo Moreira. O ata agora portavoz do grupo municipal do Partido Popular presentará a súa renuncia e o seu posto será ocupado polo novo secretario local do PP, Rafael Domínguez, que viña sentándose no terceiro posto das filas populares.
A súa acta como concelleiro pasará ao seguinte na lista presentada polo seu partido, Gerardo Pérez Puga, que terá que esperar ata setembro para tomar posesión do seu asento como concelleiro, debido a que en agosto non está previsto convocar pleno, segundo o acordo ao que chegaron os portavoces este martes.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores avanzaba as mocións que levarán a este pleno polos distintos grupos municipais. O BNG presentará un escrito para declarar persoas non gratas aos compoñentes de La Manada.
Este punto levou unha "pequena discrepancia xurídica" sobre como referirse aos autores da agresión sexual. O goberno local consultará coa asesoría xurídica se se pode empregar o termo "violadores" ou se debe utilizarse outro termo para que sexa unha declaración institucional que apoien todos os grupos. "Para nós son violadores", indicou Fernández Lores baseándose na denuncia da vítima e no escrito da Fiscalía e alertou que a sentenza emitida polo Tribunal de Navarra "pode abrir unha espita e envalentonar a algunha xente".
Pola súa banda, o Partido Popular presentará tres mocións. A primeira será reclamando a reforma do Campo da Torre, nunha segunda solicita unha piscina municipal ao aire libre e por último, pide ao Concello que asine o convenio de colaboración cunha dos colectivos da comunidade de persoas xordas de Pontevedra.
O Partido Socialista levará ao pleno a petición dun recoñecemento póstumo á figura do historiador pontevedrés Juan Juega. Tamén solicitará medidas vixiantes para garantir a protección animal no municipio.
A retirada do escudo franquista do edificio da Audiencia Provincial será o primeiro dos puntos que presentará Marea Pontevedra no pleno do luns. Tamén levará a debate outro punto polémico, instar á Xunta de Galicia vetar os espectáculos taurinos e reclamar ao Concello de Pontevedra que se declare contrario a estas actividades. O alcalde Fernández Lores sinalou que apoiarán esta moción indicando que, como administración, sempre foron contrarios ás corridas de touros, pero manifestou que non teñen competencia nunha actividade que é de carácter privado.
Por último, Cidadáns presenta unha moción conxunta con Marea Pontevedra, a proposta desta última agrupación, para pedir ao goberno local que publique as sentenzas relacionadas co Concello na web municipal.