Sanxenxo acollerá as XV xornadas de Lupus en Galicia
Por Oskar Viéitez
Moitas persoas tan só coñecen a existencia do Lupus pola serie televisiva House. Esta enfermidade case descoñecida, celebra este venres o seu Día Mundial.
Con tal motivo a Asociación Galega de Lupus instalou mesas informativas por toda a Comunidade galega. En Pontevedra son catro e están situadas no Hospital Montecelo, en Carrefour, na rúa Michelena e na praza da Ferrería.
A investigación médica sobre o Lupus e o recoñecemento da importancia desta enfermidade son dous dos puntos fundamentais deste día. Neste sentido, Galicia ten abertas varias liñas de Investigación sobre o Lupus a través dos Servizos de Reumatoloxía dos Hospitais CHUS, CHUAC e Meixoeiro de Vigo.
Esta conmemoración culminará en xuño coa celebración das XV Xornadas de Lupus en Galicia, en concreto o día 1 do próximo mes no Hotel Spa Oca Galatea, en Portonovo.
Nestas xornadas abordarase o tema de 'Relaxación, emocións e sexualidade' por parte da psicóloga Aránzazu García Da Silva e levarán a cabo uns talleres de pilates e relaxación. "Creemos que o tema da sexualidade, que non tratamos anteriormente, vai ser dun gran interese para todos os enfermos e as súas parellas", explicou a asociación.
Ademais, na cita do día 1 haberá un resumo sobre as charlas realizadas en toda Galicia sobre os novos medicamentos en fase de ensaios clínicos que se están facendo na Comunidade galega.
A asociación recorda, ante a conmemoración do 10 de maio, que os fondos destinados á investigación sobre esta enfermidade "son sensiblemente inferiores" a outras enfermidades de "similar magnitude e gravidade" e fala tamén da necesidade de "educar e apoiar aos afectados de lupus e ás súas familias en todo o mundo".