O PP reclama un acceso peonil "seguro" a Pontevedra desde Bombeiros
Por Redacción
O grupo provincial do Partido Popular reclama á Deputación de Pontevedra que se coordine coas diferentes administracións e recupere o proxecto para crear unha senda peonil "segura" para acceder a Pontevedra desde o nó dos bombeiros.
Así o pediu o voceiro popular, Ángel Moldes, na rolda de prensa que ofreceu xunto ao representante da asociación Pro-Guardia Civil en Pontevedra, Manuel Picón, e os deputados provinciais Luis Aragunde e Santiago Rodríguez.
Moldes apuntou que é unha zona "moi complexa", na que se xuntan os termos municipais de Poio e Pontevedra, de aí que apelara á "importancia" do papel da Deputación para coordinar as actuacións que se deban realizar.
Os populares piden que se dote de un acceso seguro para os peóns que queren acceder a Pontevedra desde este lugar, porque na actualidade "non teñen un paso real e seguro para desprazarse a pé á cidade, a pesar de que están a 200 metros escasos".
Apunta que só nesta comandancia viven máis de 60 familias que cada día teñen que ir a Pontevedra e, ao contrario, tamén hai persoas que desde Pontevedra ou desde Poio se achegan ata o edificio da Garda Civil para facer algún trámite.
"Non é unha actuación moi custosa, pero si moi necesaria e demandada", defendeu.
Nesta liña tamén incidiu Manuel Picón, que destacou que ir a Pontevedra desde a comandancia da Garda Civil "é moi perigoso" e que por iso "temos que ir en coche porque non podemos saír camiñando".
O mesmo ocorre, engadiu, se queren ir cara Poio, xa que os coches de bebé non poden ir pola beirarrúa, teñen que baixar á estrada porque son moi estreitas e incluso hai farois no medio.