A Deputación ampliará a canceira provincial para acadar un maior benestar dos animais
Por Redacción
Preto de 320.000 euros. É o investimento que fará a Deputación de Pontevedra para ampliar as actuais instalacións do Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Armenteira, que aumentará en máis de 365 metros cadrados.
Así o anunciou a deputada delegada do centro, Eva Vilaverde. O obxectivo das obras é acadar un maior benestar animal e aumentar tamén os servizos prestados, xa que coa creación de novas zonas cirúrxicas poderase esterilizar á totalidade dos cans que saen en adopción.
Segundo apuntou Vilaverde, o proxecto supón unha grande mellora desde o punto de vista operativo e funcional que era necesario abordar por necesidades veterinarias.
Así, grazas á ampliación crearase unha nova zona de maternidade, na que se inclúen estancias deseñadas especificamente para nais xestantes, nais cos seus cachorros e de cachorros de pouca idade, contando con chan radiante, sistemas de ventilación artificial e un deseño confortable e seguro para os cachorros.
Tamén se habilitará unha zona de esparexemento, especialmente pensada para a socialización de cachorros e actividades con centros de ensino, entre outros.
No que atinxe ás reformas, haberá unha remodelación da zona de corentena, eliminando as gaiolas de forma definitiva para crear estancias máis confortables, amplas e seguras, mellorando a maiores aspectos como ventilación e iluminación. Algúns dos novos boxes de corentena (seis dos 44 totais), de feito, contarán cun patio exterior cuberto para os animais.
Ademais, se remodelará a zona de hospitalización, ampliando o espazo dispoñible e as condicións de iluminación e ventilación e se mellorará a zona de clínica, cunha nova sala de raios X e un novo quirófano.
A deputada Eva Vilaverde salientou que todos estes cambios no centro farán pasar as instalacións dos 1.500 metros cadrados actuais a 1.865 metros, dos que 231 serán totalmente reformados e 370 serán de nova creación.
As obras, segundo dixo a nacionalista, terán unha duración de cinco meses e realizaranse por fases dado que o centro "é moi sensible" aos cambios e precisa manter a súa operatividade en todo momento. "Estamos moi satisfeitos porque o novo deseño e acondicionamento é moito máis axeitado para os animais", apuntou.
SUBVENCIÓN A PROTECTORAS
A Deputación, ademais de garantir o benestar animal nas instalacións do CAAN, quere abordar o problema do abandono animal desde outra perspectiva: fomentando as adopcións. Neste sentido, Vilaverde avanzou que o goberno destinará 40.000 euros para aumentar os recursos económicos das protectoras.
Así, a liña de colaboración pretende fomentar actividades de sensibilización que leven a conseguir unha conduta máis responsable e cívica das persoas, a defensa e tenza responsable, así como a promoción da adopción de animais abandonados.
Estas poderán ser campañas de publicidade, incluíndo o deseño e elaboración de material divulgativo, ademais da realización de charlas ou obradoiros con especial incidencia na poboación infantil e xuvenil.
Relacionadas:
-
Atopan unha caixa con cachorros abandonados na zona de Castiñeiras
Por Redacción |
-
Unha campaña audiovisual para achegarse á problemática do abandono animal "con outros ollos"
Por Natalia Puga |
-
Os socialistas reclaman a construción dun novo refuxio para animais en Pontevedra
Por Redacción |
-
A cadela cega Cata atopa, por fin, un fogar
Por Redacción |
-
Colectivos animalistas piden á Deputación a creación dunha Rede de Casas de Acollida para cans e gatos
Por Redacción |
-
Chini deixa atrás o maltrato e xa ten unha nova familia
Por Redacción |
-
A empresa pública Tragsatec seguirá xestionando a canceira provincial ata 2019
Por Oskar Viéitez |