Bueu promove unha nova ruta de sendeirismo circular na illa de Ons
Por Redacción
O Concello de Bueu acaba de solicitar unha subvención de 12.043,13 euros á Consellería de Medio Ambiente para poder emprender accións que lle permitan divulgar os valores patrimoniais da illa de Ons.
O concelleiro de medio ambiente de Bueu, Adrián Ferrer, explicou que as accións concretas que se van levar a cabo pasan por cubrir as necesidades de interpretación de varios elementos patrimoniais con moita historia detrás como o Castelo da Roda, o Castro de Castelo dos Mouros, o xacemento romano de Canexol e Laxe do Crego, entre os que se fará unha ruta de sendeirismo circular, con orixe e fin no peirao de Ons.
A subvención solicitada pretende paliar a falla de información turística e interpretativa destes espazos que se atopan mencionados en diverso material xenérico do Parque Nacional da Illas Atlánticas, pero a maioría non contan con infraestrutura in situ para a súa interpretación e divulgación entre a cidadanía.
O Concello indicou que con esta proposta busca seguir afianzando o patrimonio arqueolóxico, cultural e etnográfico dun espazo con tanta historia como a Illa de Ons, onde a día de hoxe só residen uns poucos veciños, pero que no pasado chegou a reunir 500 persoas.