A concentración de coches clásicos de Ponte Caldelas bate records con máis de 60 vehículos
Por Redacción
Cunha participación récord, que superou os 60 vehículos, Ponte Caldelas acolle este domingo a III Concentración de Vehículos Clásicos.
O evento comezou coa concentración na Alameda e unha ruta polo rural que partía este ano de Tourón, continuando por Santana, A Reigosa, Xustáns, Taboadelo, Silvoso e A Roca, con chegada de novo á Alameda e estancia ata as 20.00 horas.
Diante da gran afluencia nesta terceira edición, tanto de vehículos como de público, mesmo que houbo que situar algúns coches na Praza do Bispo, ao lado da Alameda.
A actividade é froito da colaboración entre o Concello de Ponte Caldelas e os Amigos dos Vehículos Antigos (AVA), asociación fundada en 1984, unha agrupación cun centenar de socios e que organiza unha media de catro actividades deste tipo ao longo do ano, a máis coñecida delas, a Ruta da Lanzada.
O presidente do club, Cristóbal Rivas, entregou un agasallo institucional ao alcalde, Andrés Díaz, e deu o sinal de partida para a caravana dos clásicos.