A desmontaxe e reparación das pasarelas de madeira inicia as obras na Xunqueira de Alba
Por Redacción
O Concello de Pontevedra iniciará este luns os traballos de acondicionamento da Xunqueira de Alba, na que se fará unha intervención branda, pero integral, en todo o espazo protexido para mellorar o seu actual estado.
O obxectivo é preservar as súas características naturais pero mellorar os paseos, pasarelas, canalizacións de pluviais ou o miradoiro para que un dos puntos de referencia do lecer dos veciños se atope en perfectas condicións de seguridade para o seu uso.
Ata o de agora facíanse traballos de mantemento en todo o espazo, sen facer intervencións de envergadura, precisamente para non alterar o espazo protexido, pero o goberno municipal entende que é o momento de facer unha actuación máis ampla e integral para manter os elementos do entorno, algúns deles moi deteriorados.
Os primeiros traballos centraranse nas pasarelas, onde está previsto que se desmonten os elementos da que xa está retirada, así como a desmontaxe e reparación das outras (dúas delas nestes momentos están pechadas). Así, comezando pola pasarela da Gándara, substituiranse os elementos da estrutura de madeira deteriorados, a tarima de madeira e o valado.
Ao mesmo tempo, tamén está previsto actuar nos paseos principais coa limpeza de sumidoiros, de todos os bordos de pedra, a reparación e lixado do mobiliario urbano, a limpeza e pintado das fontes, a recolocación dos paneis interpretativos ou a reparación das varandas metálicas.
A empresa encargada de facer os traballos é Naturgalia, que foi a adxudicataria do concurso por un prezo de 184.735,57 euros e un prazo de execución de tres meses.
Relacionadas:
-
Rematada a mellora integral da Xunqueira da Gándara
Por Redacción |
-
A rehabilitación da Xunqueira de Alba empeza a tomar forma
Por Redacción |
-
A mellora integral da Xunqueira de Alba comezará en dúas semanas
Por Alejandro Espiño |
-
Impulsan unha actuación "integral" na Xunqueira do Vao para mellorar o seu estado
Por Alejandro Espiño |
-
Extraen 200 quilos de lixo na zona enlodada das marismas de Alba
Por Redacción |