Marea esixe ao goberno municipal que poña en marcha "dunha vez" a renda social
Por Redacción
O atraso que acumula a tramitación da renda social municipal é culpa "única e exclusivamente", segundo Marea Pontevedra, á xestión "ineficaz" do goberno do BNG. Así o denunciou este martes a concelleira Carmen Moreira.
A edil de Marea mostrouse moi crítica coa labor do goberno en materia social e, a este respecto, esixiu a posta en marcha "dunha vez" desta iniciativa, consignada nos orzamentos cunha partida de 400.000 euros e que era o "principal compromiso que adquiriron con nós".
Moreira e Paula Verao, deputada de En Marea, mantiveron unha xuntanza cos colectivos sociais da cidade, na que estes lles trasladaron a ambas as necesidades das persoas da cidade "que peor o están pasando", segundo a edil.
A deputada pediu, pola súa banda, que todas as administración traballen conxuntamente para facilitar a vida das persoas en risco ou situación de exclusión social, porque os concellos "non poden botarlle sempre ás culpas a outras administración para eludir as súas responsabilidades en materia social".
Na mesma liña, a coordinadora do grupo municipal de Marea Pontevedra, Herminia Dios, destacou que a pobreza é unha realidade na cidade do Lérez e que os problemas "hai que afrontalos e non evadilos".
A este respecto, denunciou que "hai máis interese en proporcionar esmola, axudas puntuais e beneficencia que en garantir dereitos sociais básicos para cubrir necesidades vitais, que é finalidade da renda social, xa que axuda a modificar estas situacións de necesidade".