Xinetes de Galicia e Portugal competirán na X Gala Hípica de Campañó
Por Redacción
A Gala Hípica Virxe Peregrina de Campañó cumpre este verán a súa primeira década e celebrarao cunha edición na que se espera a asistencia de xinetes de toda Galicia e de Portugal para participar no seu Concurso Morfolóxico de Cabalos, que ten categoría rexional para cabalos de pura raza árabe e pura raza española.
O presidente da Asociación Cabalar de Campañó, Manuel Ruibal, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron este mércores o convenio polo que o Concello achega 9.000 euros para a celebración desta actividade que o domingo 29 de xullo converterá Pontevedra en capital da hípica de Galicia. Na firma estivo presente a concelleira da parroquia, Pilar Comesaña.
Este ano, como novidade, os organizadores decidiron organizar unha xincana o domingo pola tarde na que os organizadores deberán facer unha demostración de destreza e velocidade. Para posibilitar esta nova actividade, o Concurso Morfolóxico cambiará o seu horario habitual de tarde para pasar a celebrarse pola mañá.
A xornada será especialmente intensa en Campañó en horario de mañá, ao celebrarse de forma simultánea unha ruta cabalar polo monte Castrove e o concurso no hipódromo construído en terreos da comunidade de montes a través dunha subvención de 300.000 euros tramitada a través do Concello.
A ruta cabalar prevese que reúna a entre 130 e 160 xinetes, entre eles, moitos nenos a partir de seis anos acompañados por adultos. Farán un percorrido de entre 25 e 26 quilómetros pola ladeira do Castrove con saída e chegada a Campañó e, á súa finalización, haberá unha comida popular na contorna do hipódromo.
En canto ao concurso morfológico, prevese a participación duns 70 animais, dos que moi poucos serán da comarca de Pontevedra e a maioría doutros puntos de Galicia e de Portugal.