Os socialistas reclaman a construción dun novo refuxio para animais en Pontevedra
Por Redacción
A actual canceira municipal, situada en Campañó, está nunha situación de "precariedade extrema", segundo denuncian os socialistas. De aí que decidiran presentar unha moción ao pleno para esixir a construción dun novo refuxio para animais no municipio.
O portavoz do PSdeG-PSOE, Tino Fernández, recordou que o actual goberno decidiu paralizar o "ambicioso" proxecto que impulsara a socialista Celia Alonso para que Pontevedra contara cun centro dedicado non só ao abandono de cans, senón á recollida de animais doutras especies.
O BNG, recordou, decidiu empregar unha parte deses cartos a "parchear" as instalacións de Campañó que, co paso dos anos, "xa non son axeitadas para dar un servizo integral" e que, segundo os socialistas, "dubidamos que cumpran coa normativa".
Os concelleiros do PSOE entenden que o concello está ante un problema de gran calado e de enorme sensibilidade na sociedade, porque os animais "merecen estar nas mellores condicións posibles" e aínda que as asociacións fan un traballo "incrible", na actualidade "non dan abasto nin contan cos recursos necesarios".
A situación de saturación da canceira de Campañó, segundo Fernández, "non é nova" e os seus administradores veñen anunciando dende hai tempo que se necesita máis e mellor espazo.
"O que falla é a implicación do goberno municipal que parece crer que o problema se arranxa cun parche e está moi equivocado", dixo Tino Fernández.
Os socialistas lembran que na Deputación existe unha "importante sensibilidade" sobre este tema e animan ao alcalde a chegar a acordos co goberno provincial para financiar a inversión necesaria.
A moción presentada insta ao alcalde a dar as instrucións oportunas para recuperar o proxecto xa elaborado dun novo refuxio animal, adaptado á lexislación, que dea solución aos problemas que nese sentido "padecemos actualmente no noso concello", e a negociar coa Deputación de Pontevedra a sinatura dun convenio para facer fronte á súa execución.
Relacionadas:
-
Lores suspende dúas veces a sesión plenaria polas interrupcións das protestas da Policía Local
Por Anxo Lourido |
-
A Deputación ampliará a canceira provincial para acadar un maior benestar dos animais
Por Redacción |
-
Cans "palleiros" con denominación de orixe
Por Alejandro Espiño |
-
A empresa pública Tragsatec seguirá xestionando a canceira provincial ata 2019
Por Oskar Viéitez |